O Grupo Forma-t Vilalba FS presenta este sábado os seus equipos e as Escolas Deportivas Municipais

O pavillón municipal de Vilalba acollerá este sábado, 14 de marzo, a presentación oficial de todos os equipos que integran o Grupo Forma-t Vilalba FS, así como das Escolas Deportivas Municipais de fútbol sala. O acto dará comezo ás 15.00 horas e reunirá a xogadores, adestradores, familias e afeccionados nun evento que servirá para dar a coñecer as distintas categorías do club.
Durante a xornada presentaranse os equipos que compoñen a estrutura deportiva da entidade vilalbesa, desde as categorías de base ata os primeiros conxuntos, nun encontro pensado para destacar o traballo que se desenvolve ao longo da tempada no ámbito do fútbol sala local.
O evento tamén permitirá visibilizar o labor das Escolas Deportivas Municipais, nas que participan numerosos nenos e nenas do municipio, contribuíndo á promoción do deporte base e ao fomento de hábitos saudables entre a mocidade.
Desde o club animan á veciñanza a achegarse ao pavillón municipal para acompañar aos deportistas nesta presentación e compartir unha tarde dedicada ao fútbol sala e ao deporte vilalbés.