O Grupo Forma-T Vilalba FS queda fóra do ascenso á Primeira División na prórroga

O Grupo Forma-T Vilalba FS quedou ás portas do soñado ascenso á Primeira División feminina de fútbol sala, tras asinar unha eliminatoria memorable fronte ao Esplugues de Llobregat que se resolveu nos últimos dez segundos da prórroga do partido de volta. O marcador final (4-2) deixaba a eliminatoria cun empate global (7-7), pero o regulamento favorecía ao conxunto catalán, que fora campión de grupo na liga regular, fronte ás lucenses que non ocuparan a primeira praza.
Malia o desenlace amargo, o esforzo, a calidade e a paixón demostradas polo cadro adestrado por Kini Martínez ao longo da tempada e durante esta eliminatoria non deixan lugar a dúbidas: o Vilalba FS estivo á altura da máxima categoría.
As xogadoras lucenses mantiveron vivo o soño ata o final. A falta de só 47 segundos para rematar o encontro, Paula culminou unha xogada de estratexia cun gol que puxo o 3-2 no marcador e devolveu a ilusión á bancada. Foi unha das múltiples demostracións de carácter dun equipo que nunca baixou os brazos.
A prórroga mantivo a emoción, pero nos últimos segundos, un gol do Esplugues selou o resultado e puxo fin ao soño do ascenso para o conxunto vilalbés.