O Grupo Municipal Mixto solicita melloras urxentes na área recreativa da Veiga

TerraChaXa
Na súa solicitude, exixen que se tomen medidas coa maior brevidade posible para reparar os desperfectos acumulados
estado-area-recreativa-a-veiga-muras
16 Apr 2025

Coa chegada da primavera e o cambio de hora, o Grupo Municipal Mixto de Muras vén de presentar unha petición ao Concello para a adecuación e limpeza da área recreativa da Veiga, "un dos espazos máis queridos polos veciños e veciñas do municipio".

Segundo denuncian, a situación actual deste espazo presenta un evidente estado de abandono, cun deterioro que afecta tanto aos equipamentos como ás instalacións municipais. Achegan ademais documentación gráfica para deixar constancia do mal estado no que se atopa a zona.

A portavoz do grupo, María Jennifer Gómez Galego, lembra que se achegan datas de alta afluencia á área recreativa por mor da celebración de eventos como a Romaxe Artesá, as Festas Patronais de San Pedro, a Ruta Cabalar de Atila, os campamentos de verán ou a apertura da piscina municipal. Por este motivo, considera necesario que o Concello conte cun plan de mantemento e limpeza durante todo o ano, e non só en datas sinaladas.

Na súa solicitude, exixen que se tomen medidas coa maior brevidade posible para reparar os desperfectos acumulados, que supoñen un problema de seguridade e unha falta de coidado dun ben común dos veciños e veciñas de Muras. Aseguran que no próximo pleno volverán poñer sobre a mesa a situación de abandono de moitas outras zonas públicas do concello que, segundo indican, atópanse nun estado igual ou peor.

Finalizan a súa comunicación cun saúdo, reiterando o seu compromiso coa mellora dos espazos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.17076396942139