O grupo Ouriol presenta este sábado un espectáculo poético na casa museo de Manuel María

Baixo o título de Fiar na palabra este sábado, ás 19.00 horas, véspera de Día de Rosalía, desenvolverase na Casa-Museo Manuel María un espectáculo poético, musical e plástico protagonizado polo grupo Ouriol. A poeta e comunicadora Eva Veiga será a encargada de levar a cabo un marabilloso e emocionante recitado de poemas de Rosalía de Castro e Manuel María, estando acompañada polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares que, xunto ao recoñecido artista plástico Alfonso Costa, crearán a atmosfera apropiada para gozar do espectáculo cos cinco sentidos.
O espectáculo terá unha duración aproximada de 50 minutos e nel camiñan en total concordancia o ritmo recitativo coa música improvisatoria interpretada por Bernardo Martínez –guitarra, saxo, percusión e xoguetes musicais- e Fito Ares –frauta e clarinete-. Sonoridades a crearen atmosferas igualmente constituídas en aparencia e intensidade por unha axeitada iluminación e por unha estética visual baseada na proxección das imaxes realizadas ex profeso polo artista Alfonso Costa. Trátase, en palabras de Eva Veiga de compartirmos co público, da man dos versos de Rosalía e de Manuel María, unha experiencia estética o máis plena posible.
Os catro fan parte do grupo Ouriol, formación comprometida desde hai máis de vinte anos coa comunicación da poesía no noso idioma, tendo, desde os seus comezos, no seu repertorio os recitais dedicados á nosa poeta máis universal, Rosalía, como tamén ao propio Manuel María. Hai autoras e autores -salienta Eva Veiga- que transcenden o paso do tempo. Grazas ao seu talento e autenticidade, as súas obras atravésannos e deitan no noso corazón, e tamén no noso entendemento, xermolos de sensibilidade e intelixencia que nos axudan a crecer, a vivir. Tal acontece con Rosalía de Castro e Manuel María, poetas de noso cuxa vixencia non só non decae, senón que está máis vizosa que nunca. Porque a súa obra atemporal, radicalmente humana, comprometida e dotada dunha radiante beleza, segue a falarnos, con eficaz sinxeleza, das cuestións fundamentais e a iluminarnos o camiño, como estrelas dende as que albiscar o porvir.
A actividade é de entrada libre mais é necesario previamente facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Esta actividade conta co apoio de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.