O Grupo Popular de Ribadeo critica que o Concello unicamente pense en recadar cartos
O PP de Ribadeo expresa o seu total desacordo coa decisión do goberno municipal de deixar sen efecto a exención de taxas aplicada durante a crise sanitaria, salvo no caso da ocupación de vía pública con terrazas, para as que, por certo, xa ameaza cunha nova normativa. O portavoz popular, Daniel Vega, considera inexplicable esta decisión e pregúntase onde queda a axuda ao comercio e a hostalería, que foi da necesaria colaboración co tecido produtivo para superar as consecuencias económicas da pandemia. É unha medida que nin se consultou, nin moito menos se consensuou, cos sectores produtivos; é unha decisión totalmente unilateral.
Vega di que a decisión do goberno municipal deixa de manifesto a falta de compromiso dos responsables municipais, e, ao mesmo tempo, constitúe unha falta de respecto aos administrados. Nesta liña, indica que “unha vez máis queda claro que o equipo de goberno unicamente pensa en recadar cartos pola vía das taxas e dos impostos. Na actual conxuntura, o alcalde deixa ben claro que só pensa no comercio para cobrar os tributos”.
O mesmo representante do Partido Popular manifesta que é inaudita a présa coa que o goberno local deixa sen efecto medidas que son fundamentais para a recuperación da economía no municipio. Di que hai moitos comerciantes que tiveron que pechar as súas portas e que non ingresaron nada.
Vega sinala: “O grupo municipal do PP, dende o principio da crise, presentou unha proposta para a reactivación da economía en Ribadeo. Dixemos que non se podía cobrar polo IBI, polo lixo e pola ocupación da vía pública, por exemplo, co mercado dos mércores e das fins de semana ata que empezara a recuperación, etcétera. Teño que recordar que fronte á nosa proposta o Bloque votou en contra, pero o PSOE apoiouna”.
O portavoz popular no Concello di que a decisión que critica do goberno local é unha demostración máis da maneira de actuar dun goberno que non fixo nada en plena crise sanitaria e que tampouco fai nada na crise económica. Os populares indican que a inacción dos responsables municipais é tanta que o Concello non destina nin un euro ás familias, “pero iso si, intenta facer súas as axudas da Xunta, polo procedemento do corta e pega dos logos”.