O Grupo Sada defende as medidas tomadas na planta

TerraChaXa | LugoXa
Responsables do Grupo Sada fixeron pública a súa postura sobre as mobilizacións realizadas no matadoiro de Castro Ribeiras de Lea en rexeitamento aos "continuos despedimentos, a redución de empregos e para demandar garantías de que a empresa manterá a actividade produtiva e todos os postos de traballo na sala de despece".
manifestacion grupo sada castro
2 Mar 2024

Responsables do Grupo Sada fixeron pública a súa postura sobre as mobilizacións realizadas no matadoiro de Castro Ribeiras de Lea en rexeitamento aos "continuos despedimentos, a redución de empregos e para demandar garantías de que a empresa manterá a actividade produtiva e todos os postos de traballo na sala de despece".

A empresa manifestou o seu compromiso firme coa planta, "como demostra o investimento de seis millóns de euros previsto para os próximos catro anos para adecuar e mellorar todas as instalacións".

Afirman que as medidas levadas a cabo realizáronse "para lograr unha maior eficiencia produtiva e mellorar a sustentabilidade do negocio no medio e longo prazo".

A protesta, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, produciuse como consecuencias das decisións que a empresa (que pertence ao grupo líder no sector da industria cárnica Vall Companys) está a adoptar para o centro de traballo de Castro "que xeran un número indeterminado de despedimentos, pondo mesmo en perigo o futuro da sala de despece".

Segundo explican, en datas recentes, a empresa procedeu a despedir á práctica totalidade do persoal que presta servizos a través de ETT, está propoñendo modificacións das condicións laborais ao persoal, executa despedimentos arbitrarios e ameaza a diario con reducir aínda máis o cadro de traballadores da sala de despece.

Diante disto, o comité solicitou unha reunión urxente coa dirección e trasladou o rexeitamento a estas actuacións, esixindo tamén a garantía da empresa sobre o mantemento da totalidade dos postos de traballo na sala de despece e o 100% da capacidade produtiva. Demandas todas "desatendidas polo agora e retardando incluso a reunión co comité".

0.16991281509399