O IES Basanta Silva recibe un premio á sostibilidade
O IES Basanta Silva de Vilalba vén de gañar o primeiro premio de Galicia ao centro máis sostible e respectuoso co medio ambiente dentro do reto Xeración Eco de Ecovidrio.
Trátase dun programa no que a partir de diferentes retos, realizados ao longo do curso, relacionados co cambio climático, co consumo responsable de auga, a reciclaxe de vidro, a mobilidade sostible e a redución de plásticos intentan poñer en valor a reciclaxe. O centro vilalbés participou en cinco dos retos. No primeiro fixeron unha árbore de Nadal con botellas de vidro, no segundo, en Entroido, un concurso de disfraces con materiais reciclados e sen plásticos; no terceiro traballaron nunha horta sostible e realizaron diversas rutas para impulsar a mobilidade.
Como premio, o centro contará o ano que vén cunha horta ecolóxica para alumnos e profesores valorada en 2.000 euros.
"Agradecemos a toda a comunidade educativa, alumnado, profesorado, familias e persoal non docente as aportacións realizadas para acadar os diferentes retos que nos levaron a este premio. Estamos contentísimas/os con este galardón, que nos permitirá contar no noso centro cunha horta ecolóxica", explican desde o centro.
Estes premios realízanse por comunidades autónomas repartindo en Galicia tres premios. A nivel do Estado participaron 11.376 alumnos, 2.173 colexios que fixeron 741 retos.