O IES da Terra Chá foi o escenario dunha conferencia sobre coníferas ameazadas de Australia

TerraChaXa
A charla foi impartida por Xesús Ignacio Fernández Alonso, doutor enxeñeiro agrónomo de Vigo, quen ofreceu unha interesante exposición sobre as coníferas australianas
IES-da-Terra-Chá-castro
23 Mar 2025

O IES da Terra Chá “José Trapero Pardo”, en Castro Ribeiras de Lea, foi o escenario dunha conferencia titulada “Non todo son eucaliptos: unha aproximación ás coníferas ameazadas da Australia”. O evento tivo lugar no salón de actos do centro, en horario de 12:30 a 14:30 horas.

A charla foi impartida por Xesús Ignacio Fernández Alonso, doutor enxeñeiro agrónomo de Vigo, quen ofreceu unha interesante exposición sobre a diversidade das coníferas australianas e os desafíos que estas especies enfrontan debido á súa situación de ameaza. A iniciativa procurou poñer en valor estas árbores e concienciar sobre a súa importancia ecolóxica, ofrecendo unha imaxe diferente dos ecosistemas australianos, máis alá da visión habitualmente asociada ás monoculturas de eucalipto.

O evento celebrouse grazas á colaboración do IES da Terra Chá e do Arboretum - Pinetum Lucus Augusti, contando co patrocinio do recentemente constituído Global Conservation Consortium for Conifers, unha organización internacional dedicada á protección e conservación das coníferas en todo o mundo. A conferencia supuxo unha oportunidade única para os amantes da botánica e da conservación ambiental.

Á actividade asistiu alumnado de 1º e 2º curso do ciclo de Xestión Forestal e do Medio Natural, que tamén participou no deseño e elaboración dos carteis da conferencia, así como outras persoas interesadas no mundo das árbores e na natureza en xeral.

Como resultado desta colaboración, o IES da Terra Chá recibiu unha colección de plantas de arredor de 20 especies para seren plantadas nas instalacións do propio centro. Estas especies, de interese ornamental e forestal, foron doadas polo Arboretum - Pinetum Lucus Augusti e polo conferenciante, Xesús Ignacio Fernández Alonso, procedendo estas últimas da súa extensa colección particular. As árbores serán plantadas polo propio alumnado na zona de prácticas do instituto.

⚙ Configurar cookies
0.23994302749634