Foz acollerá os campionatos internacionais de baristas
O IES de Foz acollerá a final do e a XIII Campeonato Internacional de Baristas de Escuelas de Hostelería. Terán lugar os vindeiros días 12, 13 e 14 deste mes de febreiro nas instalacións do centro.
O evento arrancará o mércores, 12 de febreiro, ás 17.30 horas cos Campionatos de Baristas e de Catas de Café das Escolas de Hostalería. O xoves continuará a competición de baristas ás 10.00 e pola tarde, ás 17.30, celebrarase por primeira vez o Campionato Internacional de Catas de Cafés Profesionais. Xa por último, o día 14, ás 9.00 horas empezará o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais.
O encontro tamén inclúe dúas charlas. A primeira, o xoves ás 13.00 horas, leva por título Un café, un método, un cocktail, a cargo de Willy Gómez de Astro Café Roasters, e a segunda, o venres, ás 14.00 horas, o enxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Urquía falará do Cultivo biotecnolóxico do café. As dúas últimas xornadas haberá degustacións de repostería e café de 9.30 a 13.00 horas que estarán abertas ao público.
A Deputación de Lugo colabora un ano máis na organización e celebración dos campionatos internacionais de baristas que impulsa o IES de Foz coa emisión en directo, por streaming, dos eventos, do que se ocupará o Centro de Formación Audiovisual, e tamén cunha achega económica de 3.000 euros. Así o anunciou a voceira provincial socialista e Deputada de Turismo, Pilar García Porto, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, que, acompañados do Alcalde de Foz, Fran Cajoto, e do director do IES de Foz, Nicolás Asensio, presentaron este martes no Centro de Formación Audiovisual da Deputación esta nova colaboración cos XIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, o VIII Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería, o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais e o I Campionato Internacional de Catas de Cafés de Profesionais que se celebrarán no centro educativo focense a vindeira semana, entre o mércores e o venres.
No acto, as alumnas Perla Daniela Sención, que representará á Escola de Hostalaría focense no Campionato de Baristas, e Iria Pardo, no de Catas, prepararon unha degustación de cafés para os asistentes, e demostraron o gran nivel formativo deste centro focense.
O alumnado de segundo de Realización, baixo a supervisión de docentes e técnicos, será o encargado da emisión por streaming dos campionatos, nos que participarán 13 Escolas de Hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León, e 14 profesionais do sector que, por primeira vez, competirán na cata de cafés. As competicións poderán seguirse en directo a través de Youtube.