O Ies de Foz gaña o I Certame Escolar Internacional de Podcasts en galego Xosé Mosquera

TerraChaXa | AMariñaXa
Entregouse o premio do I Certame Escolar Internacional de Podcasts en Galego Xosé Mosquera ao alumnado do IES de Foz polo seu traballo Antón Fraguas en directo.
29 May 2019

Entregouse o premio do I Certame Escolar Internacional de Podcasts en Galego Xosé Mosquera ao alumnado do IES de Foz polo seu traballo Antón Fraguas en directo. No mesmo acto, foi distinguido cun accésit o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e cunha mención especial o CEIP Nicolás del Río de Cedeira.
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na entrega dos premios Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Xavier Mouriño, director do IES Rosalía de Castro de Santiago, e Aser Álvarez, director de Arraianos Producións.
Un total de 40 gravacións con relatos radiofónicos centrados no autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Antonio Fraguas, optaron ao I Certame Escolar de Podcasts Xosé Mosquera, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións e apoiado polas fundacións Antonio Fraguas Fraguas e Rosalía de Castro, a RAG, o colectivo Ponte nas Ondas, a Radio Galega e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.
O xurado deste certame dirixido a alumnado da ESO e de 5º e 6º de primaria destacou, a canda a alta participación, o nivel dos podcasts presentados a concurso. Entre eles seleccionou, polo seu carácter innovador e pola súa especial calidade, tanto na lingua coma no estilo narrativo, o podcast titulado Antón Fraguas en directo, do alumnado de 1º da ESO do IES de Foz, centro que recibirá 1.000 euros, diploma e unha escultura do Vello dos Contos feita por estudantado da ESAD Mestre Mateo.
Ademais deste premio, o xurado decidiu outorgarlle un accésit ao traballo Polo río abaixo hai... do alumnado de 2º da ESO do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e facer unha mención especial ao podcast Antonio Fraguas do alumnado de 6º de primaria do CEIP Nicolás del Río de Cedeira. Ambos os centros educativos recibirán un diploma, unha escultura e cadanseu lote de libros.
O historiador e etnógrafo Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, foi un dos impulsores da radio en galego e compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera. Este foi o creador e intérprete do personaxe O Vello dos Contos, co que fixo campaña a favor do Estatuto de autonomía para Galicia na emisora Unión Radio Galicia (1932-1936). Durante a posguerra, foi impulsor da Casa-Museo Rosalía de Castro e fundador e presidente da súa Fundación, así como académico correspondente da RAG.

0.13089394569397