O IES Lois Peña Novo ofertará oito ciclos formativos o vindeiro curso
O IES Lois Peña Novo de Vilalba abrirá proximamente o prazo de inscrición para o novo curso escolar no que ofrece unha ampla variedade formativa que inclúe Formación Profesional de grao Básico, Medio e Superior, así como Educación Secundaria para persoas adultas e Bacharelato semipresencial.
Destaca, como novidade, o Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial en modalidade dual de ciclo completo na que colaborarán empresas como Entrepinares, DMAQ, Wind1000, PSI Tecnoloxía e Deseño, Quescrem, Grupo Sada, Finsa ou Lactalis. O resto de Ciclos Formativos de grao medio e superior que tradicionalmente xa se viñan ofertando, contarán con prazas de FP Dual, neste caso só durante o segundo curso. A oferta formativa de FP conta con ciclos básicos de Informática de Oficina e Mantemento de Vehículos. Tamén os medios de Electromecánica de Vehículos Automóbiles; Instalacións Eléctricas e Automáticas e o de Atención á Persoas en Situación de Dependencia.
En Grao Superior contan co de Administración e Finanzas; o de Administración de Sistemas Informáticos en Rede e o de Mecatrónica Industrial.
O centro ofrece unha educación de calidade, sendo referente de innovación e emprendemento, chegando a case ao 100% de empregabilidade dos titulados medios e superiores e posibilitando a continuación de estudos noutros ciclos, cursos de especialización, ou graos universitarios.
Con respecto ás ensinanzas para adultos, estas están dirixidas a maiores de 18 anos, de 16 con contrato de traballo ou deportistas de alto rendemento, ofrecendo unha alternativa á vía ordinaria para obter o Título de Graduado en Educación Secundaria ou o de Bacharelato.
As persoas interesadas poden consultar a súa páxina web, visitar presencialmente o centro, chamar ao teléfono 982 87 08 60 ou enviar un correo electrónico a ies.lois.pena.novo@edu.xunta.gal.