O IES Lois Peña Novo organiza unha xornada para poñer en valor ás mulleres da Chaira

TerraChaXa
A Comisión de Igualdade do IES Lois Peña Novo organizou unha xuntanza de mulleres chairegas de diferentes ámbitos profesionais.
mulleres chaira ies pena novo
15 Apr 2023

A Comisión de Igualdade do IES Lois Peña Novo organizou este xoves unha xuntanza na que mulleres chairegas pertencentes a diferentes ámbitos profesionais do mundo artístico, cultural, educativo, tecnolóxico e empresarial, relataron as súas experiencias e proxectos profesionais analizando os estereotipos de xénero cos que se foron encontrando e que se busca eliminar.

No desenvolvemento deste proxecto, Donas de si, mulleres da chaira, contouse coa colaboración de Andrés González, que ademais de docente é un valorado director cinematográfico máis coñecido no gremio como Andrés Goteira.

Andrés dirixiu a gravación das entrevistas que alumnado do centro realizou a cada protagonista. Entre elas estaban Yolanda Purriños, fotógrafa con recoñecemento internacional foi entrevistada por Miriam e Junior, alumnos de 1º CM Atención a Persoas en Situación de Dependencia; Iris González, Game & Narrative Designer, foi entrevistada por Carla, alumna de 1º CS Administración de Sistemas Informáticos en Rede, e Araceli Goiriz, Enxeñeira Industrial especializada en Ciberseguridade Industrial, que foi entrevistada por Adil, alumno de 1º FP Básica de Informática de Oficina.

Tamén destacou Pepa Baamonde, mestra galeguista con gran implicación social, entrevistada por Carmen e Plácido, alumnos de Educación Secundaria para Persoas Adultas; e Luz Airado, avogada e poeta chairega, que foi entrevistada por Sheyla e Verónica, alumnas de 2º CS Administración e Finanzas.

Ademais, na mesa redonda contouse coa presenza de Marta Seoane emprendedora de Carpens Gin, a primeira xenebra artesá con produción íntegra en Román.

Durante a xornada, a través das diferentes intervencións puidemos coñecer a traxectoria de cada protagonista.

Luz Airado analizou a súa evolución na escritura, dende os inicios coa Rosalía máis feminista ata a súa xuventude con Xela Arias; a poeta reivindicou as diferentes formas da arte como medio de entendemento entre as persoas, así como a necesidade de ler a máis autoras.

Pepa Baamonde relatou dun xeito ameno a súa longa carreira pola ensinanza. Muller de principios firmes foi das primeiras docentes en reivindicar o galego nas aulas valorizando a lingua nai como primeira forma de comunicación na ensinanza, algo que lle costou unha sanción grave nos seus inicios como mestra.

Araceli Goiriz recoñeceu a falta de referentes na súa infancia de mulleres científicas aspecto no que afortunadamente se avanzou, aínda que reflexionou sobre o xa non “teito de cristal senón de silicio” das posibilidades de desenvolvemento profesional das mulleres no seu gremio.

Yolanda Purriños recoñécese como persoa afortunada. Primeira muller nomeada Directora do corpo de colexiado da Federación Española de Fotógrafos Profesionais, destaca a falta de colegas mulleres nos seus inicios e recorda con cariño o acompañamento profesional de Mari Quintero.

Marta Seoane, emprendedora de éxito de Carpens Gin, recoñeceu a importancia da experiencia, a formación, o esforzo e a tenacidade como camiño para alcanzar os obxectivos. A innovadora empresaria chairega explicou como a necesidade de adaptarse ás novas xeracións sen esquecer a utilización de produtos de calidade próximos é posible.

Iris González realizou a súa intervención por videoconferencia, algo que non minorou a intensidade da súa mensaxe. Iris reivindicou os videoxogos como medio para transmitir historias dunha forma diferente. Debemos recoñecer que tanto Araceli (Enxeñeira Industrial) como Iris (Creadora de videoxogos) coincidiron en transmitir o masculinizado do seu ámbito profesional cargado de micromachismos tanto a nivel académico como en determinados postos laborais. Ambas animaron ás mozas a estudar carreiras tecnolóxicas ante a preocupación do descenso de alumnas durante os últimos anos neste espazo académico.

"Esta actividade é unha iniciativa máis das moitas que o IES Lois Peña Novo impulsa como oportunidade para enriquecer a nosa comunidade", explican dende o centro.

0.12834095954895