O IES Pedregal de Irimia acolle a segunda charla ENAPA sobre educación consciente

TerraChaXa
A actividade desenvolverase este martes, ás 17:00 horas, na biblioteca do centro
segunda-charla-enapa-meira
2 Mar 2026

O IES Pedregal de Irimia, en Meira, celebrará este martes, 3 de marzo, a segunda charla do programa ENAPA tras a boa acollida acadada na primeira sesión dedicada á educación consciente. A iniciativa está dirixida ás familias e ten como obxectivo seguir afondando na educación dos fillos e fillas, ofrecendo novas ferramentas que permitan manter unha liña de actuación común entre nais, pais e o centro educativo.

Baixo o título Educación consciente vs reaccións automáticas, a sesión abordará como aprender a responder de maneira consciente en lugar de reaccionar automaticamente ante determinadas situacións. A charla tamén porá o foco na escoita activa e na coherencia entre o sentir, o dicir e o facer, elementos clave para fortalecer as relacións familiares e educativas.

A actividade desenvolverase ás 17:00 horas na biblioteca do centro. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición chamando ao número 982 87 05 20 ou enviando un correo electrónico a bblanco@edu.xunta.gal. Desde a organización animan ás familias a reservar a súa praza canto antes para participar nesta nova cita formativa.

0.11674499511719