O IES Pedregal de Irimia acolle unha charla sobre educación consciente para familias

O IES Pedregal de Irimia, en Meira, organizará o martes 3 de febreiro unha charla dirixida a pais e nais centrada na educación consciente e na mellora da conexión emocional cos fillos e fillas. A actividade desenvolverase ás 17.00 horas na biblioteca do centro e enmárcase no Proxecto Mindfulness – Educación Consciente para Familias.
A iniciativa parte da idea de que a incerteza, a confusión, a tensión e a dor forman parte do día a día da crianza e pretende ofrecer ferramentas prácticas para afrontar estas situacións desde a atención plena, a aceptación, a empatía e a coherencia. A charla buscará dar resposta á pregunta de como aumentar o nivel de conexión cos fillos e fillas en contextos familiares cada vez máis complexos.
Durante a sesión abordaranse aspectos clave da crianza consciente, como a comunicación efectiva e afectiva, a escoita activa e a validación emocional, co obxectivo de axudar ás familias a construír relacións máis saudables e respectuosas.
As persoas interesadas poden inscribirse contactando co centro educativo por teléfono ou a través do correo electrónico habilitado para a actividade. A charla está aberta á participación das familias e pretende converterse nun espazo de reflexión e aprendizaxe compartida arredor da educación emocional.