O IES Pedregal de Irimia organiza o II concurso de fotografía
O IES Pedregal de Irimia de Meira vén de convocar o II Certame Fotográfico que terá como temática central os lugares que inspiraron a obra poética de Avelino Díaz ou relacionados coa súa biografía.
O concurso divídese en catro categorías, infantil (5º e 6º de Educación Primaria do Ceip Avelino Díaz de Meira), xuvenil 1 (1º, 2º e 3º da ESO do IES Pedregal de Irimia), xuvenil 2 (4º da ESO, 1º e 2º de BAC do IES Pedregal de Irimia) e adultos (ex-alumn@s, ex-traballadores do centro e familiares, veciños e amigos do actual alumnado.
Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras, sendo estas orixinais e inéditas e non presentándose con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso.
Os participantes responsabilízanse totalmente de ser os únicos autores, de que non existan dereitos a terceiros, así como de toda reclamación por dereitos de imaxe sobre as obras presentadas ao concurso. As fotografías non poderán ser alteradas electronicamente nin por calquera outro medio. Tampouco se aceptarán fotomontaxes. Permitiranse mínimas correccións de cor e luminosidade.
As obras poderán ter un formato e tamaño libre (feitas con cámara de fotos, táblet, teléfono móbil…). Ademais deberán achegarse en soporte informático en formato JPEG ou TIFF, a unha resolución de 300 ppp e en RGB. O nome do arquivo será o mesmo que o título da obra.
Entregaranse ao correo electrónico bibliotecapedregaldeirimia@gmail.com. O prazo de entrega rematará o día 29 de marzo de 2022.
A organización establece un único premio para cada categoría, podendo outorgar algún accésit se o xurado o considerara necesario. Estes consistirán nun lote de libros e o correspondente diploma acreditativo. Os traballos premiados serán publicados na revista Latexos nº 29.
A intención é realizar unha entrega de premios o venres, 8 de abril de 2022 (antes das vacacións de Semana Santa).