O IES Ribadeo Dionisio Gamallo acada o título de Escola Embaixadora do Parlamento Europeo
O pasado 17 de xullo o IES Ribadeo Dionisio Gamallo recibiu a noticia da selección como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo para o curso 2020-2021.
O traballo desenvolvido desde fai anos desde a Coordinación de Proxectos Europeos acada así un recoñecemento máis polo seu esforzo e dedicación ao ensino, á realidade europea e á necesidade de unir países e persoas na construción dun futuro en común.
O programa ten por obxecto estimular o coñecemento de Europa e da democracia parlamentaria europea entre os xoves, proporcionándolles un coñecemento activo da Unión Europea e do Parlamento Europeo en particular. Trátase tanto de ensinar datos sobre a Unión Europea como de ofrecer a oportunidade de experimentar a cidadanía europea: o que significa a Unión na vida cotiá e o que podemos facer para lograr que, no futuro, Europa sexa como os seus cidadáns desexen.
As directrices básicas que os centros implicados deben seguir durante o curso son: manter actualizado un Punto de Información sobre o Parlamento Europeo; traballar contidos relacionados co Parlamento Europeo; levar a cabo actividades durante o curso relacionadas coa Unión Europea (conmemoracións, eventos, datas significativas); celebrar o 9 de maio, "Día de Europa";...
De todas estas iniciativas xa hai información da web do centro, e no propio blog do departamento de Filosofía, no que se encadra esta tarefa complementaria que a tantas xeracións de Ribadeo ten acompañado por Europa. Así, os contidos sobre a historia europea están incluídos na materia de Historia ao longo dos diversos cursos, pero tamén aparece de forma transversal noutras materias como Valores Éticos ou Valores Democráticos Europeos, desde diferentes e actuais perspectivas. Por iso o IES Ribadeo oferta de forma exclusiva a optativa de Europa para o alumnado de 1º de Bacharelato, aínda que restrinxida a unha determinada modalidade de bacharelato. Tamén figura no Plan de Internacionalización do centro a oferta de programas ERASMUS+ tanto para o profesorado, como para o alumnado e para colaboración entre institucións, como xa realizamos desde o curso 2015, e cuxas experiencias están relatadas no blog de Filosofía que atoparedes na web do centro.