O IES Santiago Basanta Silva impulsa un proxecto de terapia asistida con animais

TerraChaXa
As actividades desenvolvéronse na Biblioteca Escolar Agustín Fernández Paz
actividades-perro-guia-vilalba
7 Feb 2026

O Instituto Santiago Basanta Silva puxo en marcha un novo proxecto educativo de terapia asistida con animais, concedido no marco dos Proxectos de Inclusión Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional. A iniciativa está dirixida ao alumnado de 3º da ESO e ten como obxectivo favorecer o benestar emocional, a inclusión e o desenvolvemento persoal do estudantado.

As actividades desenvolvéronse na Biblioteca Escolar Agustín Fernández Paz, espazo escollido para levar a cabo as sesións, que contaron coa supervisión do profesorado implicado e dun profesional especializado neste tipo de intervencións. Durante todo o proceso garantiuse o respecto, a seguridade e o benestar tanto do alumnado participante como de Hada, o animal terapeútico.

Desde o centro lembran que as intervencións asistidas con animais requiren sempre a presenza de profesionais cualificados para asegurar a eficacia e a seguridade da terapia. Neste caso, o instituto contou coa colaboración de Terocu, entidade de Lugo especializada en integración e intervencións asistidas con animais.

A actividade foi vivida con entusiasmo polo alumnado e polo profesorado, converténdose nunha experiencia emocionalmente enriquecedora que, segundo destacan desde o centro, deixará unha pegada moi positiva nos participantes.

⚙ Configurar cookies
0.078737020492554