O IES Terra Chá protestan pola situación "descoordinada" de volta ás aulas

TerraChaXa
O profesorado do IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro, no claustro celebrado na tarde do 20 de maio por videoconferencia, decidiu por unanimidade remitir á administración un escrito de protesta pola situación complexa que está a vivir o ensino "e o noso descontento co trato recibido pola Consellería e as solucións profesionais que se propoñen.
21 Maio 2020

O profesorado do IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro, no claustro celebrado na tarde do 20 de maio por videoconferencia, decidiu por unanimidade remitir á administración un escrito de protesta pola situación complexa que está a vivir o ensino "e o noso descontento co trato recibido pola Consellería e as solucións profesionais que se propoñen. Descoordinación, improvisación, falta de información, ausencia de directrices claras e decisións que non tiñan en conta nin a realidade dos centros nin a dos estudantes e as súas familias", aducen.

Expoñen como exemplo "a precipitada volta ás aulas para o 2º de Bacharelato e 2º de FP, programada para o vindeiro luns 25, para ter un número escaso de aulas presenciais, voluntarias ademais para o alumnado, que non elimina a opción telemática nin para eses cursos nin para o resto dos cursos e ensinanzas". Consideran que esta volta, só para dúas semanas de aulas, só para unha parte do alumnado e sen tódolos medios de protección, "non compensa o risco de contaxio que hai neste momento, cando aínda estamos nunha situación de Estado de Alarma. A día de hoxe, non temos concreción do que se vai facer, remítese a normas que van publicar o venres que vén, só un día hábil antes do retorno ás aulas".

Ademais, o IES da Terra Chá negouse, por maioría do claustro, a establecer os criterios de promoción e titulación que demanda a administración de cada un dos centros xa que se entende que establecer uns criterios propios e diversos en cada centro conculca o dereito do alumnado a ser tratado en igualdade dentro do sistema educativo, e este proceso abrupto de creación de criterios en cada centro está dando como resultado que o alumnado poida titular en certos centros con distinto número de materias suspensas, que se recorra a un aprobado xeral, que se manteñan os criterios xa existentes... casuísticas que quebrantan a igualdade de oportunidades. "Demandamos que sexa a administración educativa quen estableza uns criterios únicos para todo o alumnado, que garanta a súa igualdade de tratamento e o igualdade de oportunidades para o acceso a outros estudos ós que dá acceso a obtención dunha titulación", conclúen.

0.18842005729675