O Iescha leva a Vilalba a representación da obra 'Cousas' de Castelao

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), co patrocinio e financiamento da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza dentro dos actos do 2025-Ano Castelao a representación teatral Cousas, de Castelao, a cargo do grupo Os Quinquilláns.
A función terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres 4 de xullo de 2025 ás 20:00 horas. Os Quinquilláns celebran o Ano Castelao cunha versión divertida de Cousas na que se recollen grandes temas do autor como a ecoloxía, a solidariedade, a emigración ou a xustiza social. O burro retranqueiro dun dos contos, verdadeiro alter ego de Castelao, enlaza distintas escenas como O pai de Migueliño, A Marquesiña, O escuro caletre de Martiño ou Aínda eu non nascera.
A posta en escena combina traxedia, comedia e farsa, mantendo a lingua, a época e o ambiente do Rianxo natal de Castelao, autor cunha profunda sensibilidade artística, persoal e social. A montaxe incorpora música de Orjais, responsable do Fondo Local de Música de Rianxo, quen achega un tema de Aida Saco e pezas vencelladas ao propio Castelao como o Alalá do mozo ou unha Muiñeira recollida por Jesús Bal y Gay.
A adaptación do texto corre a cargo de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, quen tamén forman parte do elenco. A escenografía, o atrezo e a iluminación son obra de Pepe Penabade e Xosé Vizoso, mentres que Olga Vieites asina o vestiario. A dirección e produción están asinadas por Penabade e Rodríguez. A obra, cunha duración dunha hora, está dirixida a mocidade e público adulto.
Os Quinquilláns levan máis de trinta anos de actividade teatral profesional ininterrompida, creando espectáculos e eventos tanto de sala como de rúa. Desde 2013 a compañía especializouse en montaxes de carácter histórico representadas en espazos singulares como castelos, pazos, castros, parques arqueolóxicos, montes, igrexas, fundacións de escritores, vilas históricas ou festas de recreación.