O Iescha ofrecerá o xoves unha charla e a proxección dun documental sobre Fraga

TerraChaXa
A presentación do acto correrá a cargo da presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, Marisa Barreiro
CARTAZ-CHARLA-MANUEL-MONGE-2
25 Jan 2026

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o xoves 29 de xaneiro de 2026 unha actividade centrada na memoria histórica que terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba a partir das 20.30 horas. O acto contará cunha charla a cargo de Manuel Monge, mestre e sociólogo, recoñecido polo seu compromiso coa recuperación da memoria democrática e polo seu labor como expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Durante a súa intervención, Manuel Monge abordará a pervivencia do franquismo na sociedade actual e a necesidade de afondar no coñecemento e recoñecemento das vítimas da ditadura. A xornada completarase coa proxección do documental Camarada Fraga. Memoria dun fascista, unha produción da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, con guión do propio Monge, que analiza a traxectoria política e ideolóxica dunha das figuras máis destacadas do réxime franquista e da etapa posterior.

A presentación do acto correrá a cargo da presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, Marisa Barreiro. Ademais, no transcurso da sesión levarase a cabo a entrega da placa coa mención de honra do Iescha, a título póstumo, a Darío Rivas Cando, recoñecido como loitador da memoria democrática. Este recoñecemento foi acordado por unanimidade na Asemblea Xeral Ordinaria da entidade celebrada en 2023, en consideración ao seu papel fundamental na loita pola xustiza e a memoria histórica, especialmente pola súa iniciativa para denunciar os crimes do franquismo relacionados co asasinato do seu pai, Severino Rivas, fusilado no ano 1936.

No acto estará presente a sobriña de Darío Rivas, María Jesús Rivas, quen será a encargada de recoller a mención. A actividade, de entrada libre ata completar aforo, enmárcase no programa cultural do Instituto de Estudos Chairegos e pretende contribuír á reflexión colectiva sobre a memoria histórica, a democracia e a necesidade de non esquecer o pasado.

⚙ Configurar cookies
0.079568862915039