O Iescha organiza a X Ruta Cultural a Ribadavia guiada por Felipe-Senén

TerraChaXa
A cota de participación será de 30 euros por persoa adulta, incluíndo desprazamento en autobús e comida
visita-ribadavia-iescha
22 Jun 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) anuncia a celebración da súa X Ruta Cultural, que terá lugar o domingo 29 de xuño de 2025 e terá como destino as históricas terras de Ribadavia. A actividade estará guiada polo recoñecido historiador da cultura galega Felipe-Senén, quen acompañará aos participantes nun percorrido pola capital dos cinco ribeiros e a súa contorna.

A saída está programada para as 9:00 horas dende a Casa da Cultura de Vilalba. Unha vez en Ribadavia, pola mañá visitarase o seu emblemático casco vello, incluíndo a Praza Maior, a antiga xudaría, o Castelo dos Condes de Sarmiento e o convento.

Ás 14:30 horas celebrarase o xantar no Restaurante Evencio (Rúa Carballiño, 50), cun menú composto por entrantes ao centro (ensaladilla rusa e empanada), un segundo prato a escoller entre redondo de tenreira con patacas e ensalada ou bacallau á galega, sobremesa de tarta xeada e bebidas incluídas (viño de mesa, caña, refrescos, auga e café).

Pola tarde, tras un pequeno descanso, a ruta continuará coa visita ao Museo do Viño de Galicia, situado en Santo André de Camporredondo, e ao mosteiro bieito de San Clodio de Leiro. Finalizadas as visitas, iniciarase a viaxe de regreso a Vilalba.

A cota de participación será de 30 euros por persoa adulta, incluíndo desprazamento en autobús e comida. O prazo para anotarse remata o mércores 25 de xuño, sen posibilidade de prórroga. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a estudoschairegos@gmail.com ou contactando persoalmente ou por teléfono con calquera membro da Xunta Directiva do Iescha. Teléfonos de contacto: 686 451 501 / 651 361 628.

⚙ Configurar cookies
0.14900588989258