O Iescha organiza a XIX Ruta Chairega polo río Trimaz
O domingo, día 20 de outubro de 2019, o Iescha organiza a XIX Ruta Chairega que recorrerá nesta ocasión as terras de Xermade, pola Ruta do Río Trimaz. Esta ruta terá un total aproximado de 10 km.
Ao finalizar a ruta terá lugar a comida, nesta ocasión será servida no restaurante O Paso, en Candamil. E constará dun menú con callos, segredo ibérico, sobremesa, bebida e café. A cuota que haberá que pagar será de 20 euros por adulto e para os menores será de 5 euros e inclúe a comida e o autobús.
O traslado dos participantes farase en autobús dende Vilalba ata o inicio da ruta, saíndo das inmediacións da Pravia ás 9:30 horas e retornando á tardiña. Os interesados poden apuntarse contactando con calquera membro da Xunta directiva do Iescha, ou por correo electrónico a estudoschairegos@gmail.com, ata o xoves día 17 de outubro ás 20:00 horas.
Comezará o percorrido con saída no Chao, en Cabreiros, desde a musealización da antiga Igrexa parroquial de Santa Mariña de Cabreiros, onde se atopan os arcos e outros elementos da antiga igrexa; para seguir até atopar o Río Trimaz na Ponte da Acea, preto da área recreativa da Acea e o campo de fútbol.
Despois seguirá río arriba pola marxe esquerda, superando o Rego Chancelos ou Portosouto. Bordeando o río, entre vexetación autóctona, chegarán á Ponte de Isabel II, construída en tempos da raíña, cara ao ano 1863, para salvar o río ao paso da estrada Rábade–Ferrol.
Preto da ponte sobre a estrada no seu novo trazado, e seguindo, río arriba, pasarán por debaixo da Autovía AG-64 Ferrol–Vilalba e verán o antigo Muiño da Madeira, agora rehabilitado. Pola Ponte da Madeira cambiamos de lado para seguir río arriba até a Presa do Feal e atopar logo a ponte do Aruxo.
Continuarán a ruta seguindo o cauce do Rego dos Caxigás vendo na marxe dereita o antigo muiño de Cabreiros, unha ponte de pedra e logo o Muiño do Ferreiro, que ademais do muíño conserva unha antiga Moa.
Bordeando a canle do muíño, seguindo polo camiño vello da Carballosa, disfrutando da vistosidade das fragas do San Vitorio ou da Carballosa. De chegado á cima iniciarán a baixada ao longo do monte do Espiño para buscar a Fonte da Santa Mariña. Achegrán cara ao punto de partida non sen antes visitar o impresionante castro que conserva vestixios do Xermade galaico- romano, por proceder a súa construcción da primeira época romana. Cruzarán outra vez a autovía AG-64 para chegar de novo ao núcleo do Chao, inicio e fin desta ruta circular.