O IESCHA organiza a XXII Ruta Chairega no Río da Ponte de Pedra nas Pontes

TerraChaXa
A xornada dará comezo ás 9:30 horas, coa saída dende os arredores da Casa da Cultura de Vilalba
ruta-iescha-ponte-da-pedra
18 May 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) convoca unha nova edición da súa tradicional Ruta Chairega, que nesta ocasión acada a súa vixésima segunda edición. A actividade desenvolverase o domingo 1 de xuño de 2025 e terá como escenario as fermosas paisaxes do concello das Pontes, coa ruta de sendeirismo Ruta do Río da Ponte de Pedra.

A xornada dará comezo ás 9:30 horas, coa saída dende os arredores da Casa da Cultura de Vilalba. Dende alí, realizarase o traslado en autobús ata As Pontes, onde, nas inmediacións do Lago, comezará o percorrido.

A ruta discorre polo sistema de sendeiros que rodea o Lago das Pontes, formando parte do trazado BTT da Bidegorri. Nos primeiros 500 metros xa se accede á senda principal, que avanza paralela ao río da Ponte da Pedra, un curso de augas claras e rápidas rodeado de abundante vexetación autóctona.

Ao longo dos seus 11 quilómetros de dificultade baixa, os participantes poderán observar os vestixios do antigo sistema de evacuación de augas da mina, incluído o túnel que atravesa o pobo das Pontes polo canal catro ata o río Eume. Tamén se visitarán os restos dalgunhas aldeas expropiadas en 1975 para permitir a actividade mineira, así como o sistema de bombeo empregado para evitar asolagamentos.

No tramo final, os sendeiristas incorporaranse á coñecida “Senda da Memoria”, que percorre o perímetro do lago durante aproximadamente un quilómetro, completando así un percorrido circular.

Unha vez rematada a ruta, arredor das 14:30 horas, celebrarase un xantar de confraternidade no restaurante Petróleo, situado en Roupar de Arriba. Tras o xantar, realizarase o regreso a Vilalba.

A cuota de participación é de 30 euros por adulto, incluíndo o transporte e o xantar. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o mércores 28 de maio ás 12:00 horas, ben enviando un correo electrónico ao enderezo estudoschairegos@gmail.com, ou ben contactando directamente con algún membro da Xunta Directiva do Iescha (teléfonos de contacto: 686 451 501 / 651 361 628). Recoméndase sinalar calquera circunstancia especial no momento da inscrición.

⚙ Configurar cookies
0.15289497375488