O Iescha organiza en Vilalba a mostra 'Universo Vizoso'

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a exposición Universo Vizoso, unha mostra de carteis e ilustracións do artista mindoniense Xosé Vizoso, recentemente falecido. O proxecto está promovido e financiado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Rede Museística Provincial e Arraianos Producións.
A inauguración terá lugar o martes 8 de abril de 2025, ás 11:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e contará cunha visita guiada a cargo do comisario da exposición, Aser Álvarez. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 7 de maio de 2025.
Nado en Mondoñedo en 1950 e falecido en Brión o 9 de febreiro de 2025, Xosé Vizoso foi un artista gráfico galego cunha extensa traxectoria. En 1968 gañou o Premio Nacional de Escultura e destacou en diferentes ámbitos, como a restauración da Catedral de Mondoñedo (1966-1968), o deseño de pezas para a cerámica de Sargadelos ou a creación do cartel do Centenario do Celta de Vigo.
A súa relación coa arte comezou desde moi novo, influído polos personaxes máxicos da súa terra, aos que lle gustaba retratar. A súa carreira consolidouse grazas ao escultor Juan Puchades, quen o animou a dedicarse ás artes. Traballou en diferentes proxectos antes de entrar en Sargadelos en 1968, onde se converteu nun dos principais deseñadores xunto con Xosé Díaz e na man dereita de Isaac Díaz Pardo.
O seu estilo artístico caracterizouse por unha forte ligazón coa cultura e tradicións do rural galego, e a súa obra inclúe centos de carteis, ilustracións e pezas cerámicas. Vizoso tamén foi o creador do único tarot galego.
En 2006, realizou o Mural do Forriolo, unha obra encargada polo Colectivo Arraianos para homenaxear ás vítimas do fascismo na bisbarra de Celanova. A obra, composta por unha parte mural e unha parte escultórica, está considerada como o "Guernica galego", xunto coa icónica pintura de Castelao, A derradeira leición do mestre.
O seu legado tamén foi levado ao cine en 2021, cando Aser Álvarez González dirixiu un documental para Arraianos Producións sobre o papel de Vizoso en Sargadelos.
Agora, Vilalba acolle a exposición Universo Vizoso, unha oportunidade para achegarse á obra dun artista que deixou unha fonda pegada na cultura galega.