O Iescha organiza este sábado unha sesión de teatro expresivo sobre a guerra

TerraChaXa
Trátase da obra 'Estarei até a fin', da autora e actriz Zoe Iriarte, a cargo do grupo ZoeVixión, que poderá verse no auditorio de Vilalba
teatro-expresivo-vilalba
17 Dec 2025

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a representación do espectáculo de teatro expresivo Estarei até a fin, da autora e actriz Zoe Iriarte, a cargo do grupo ZoeVixión. A función terá lugar o sábado 20 de decembro de 2025, ás 20.00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, con entrada gratuíta.

A proposta forma parte do Circuíto de Teatro Profesional 2025, impulsado pola Área de Cultura–Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que financia e patrocina o evento. Trátase dunha peza de teatro xestual dirixida a público a partir dos 14 anos, cunha duración aproximada de entre 30 e 45 minutos.

En Estarei até a fin, ZoeVixión aborda de maneira directa, poética e desgarradora o tema da guerra. A obra céntrase nun personaxe alleo a calquera conflito bélico que se ve envolto nel, e que, a través do corpo e unicamente dous obxectos, transmite a dor incomprendida e o impacto humano que provocan as guerras.

Zoe Iriarte é autora, actriz e directora do espectáculo. A súa traxectoria no ámbito teatral comezou en 1980, aínda que foi en 1986 cando fundou a súa primeira compañía. En 1989 creou Lohengrín Teatro e as escolas de creatividade teatral, nas que se formaron máis de tres ducias de actores e actrices que hoxe desenvolven a súa carreira profesional. Ao longo dos anos formouse en disciplinas como o teatro social, o teatro do oprimido, o teatro foro, o teatro cego, o cabaré, a escenografía, o teatro expresivo con Jacques Lecoq, o clown poético e os métodos de Augusto Boal.

No ano 2023 puxo en marcha a súa marca profesional ZoeVixión, un proxecto multidisciplinar que inclúe fotografía, iluminación, obradoiros e teatro, e que ten como obxectivo dar visibilidade aos colectivos máis esquecidos. Con esta representación, Vilalba acolle unha proposta escénica de forte carga emocional e compromiso social dentro da programación cultural provincial.

⚙ Configurar cookies
0.084485054016113