O Iescha organiza un concerto de música raíz

TerraChaXa
Será o domingo, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba con Cantar Delas e Cantareiras Lambe Lambe
concerto-musica-raiz-iescha
22 Oct 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) organiza, coa colaboración e financiamento da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o concerto Cantos de Raíz. Da raíz do canto, a cargo do grupo coral Cantar Delas. O evento celebrarase o domingo 26 de outubro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e contará tamén coa actuación das canteareiras Lambe, Lambe.

Este concerto rende homenaxe á música popular galega, unha creación colectiva que, do mesmo xeito que a lingua, sobreviviu grazas á transmisión oral. As mulleres tiveron un papel esencial na súa creación e conservación, acompañando coa súa voz a vida cotiá, os labores do campo, as festas, os mitos e as lendas, con cantigas, alalás e cantos de berce que forman parte da nosa memoria común.

O programa propón unha viaxe pola tradición musical galega, lembrando o papel das cantadoras, tocadoras e bailadoras, que fortalecían os vínculos comunitarios a través do canto e o baile. Mentres a figura do gaiteiro dominaba o espazo público, as pandeireteiras ocupaban o ámbito doméstico, reflectindo así o papel asignado ás mulleres na sociedade da época.

Inspirado nas raíces da nosa cultura, o concerto recolle tamén referencias literarias e musicais de autores fundamentais como Rosalía de Castro, Manuel Leiras Pulpeiro e Curros Enríquez, cuxas obras —entre elas Cantares Gallegos ou Aires da miña terra— reivindican a beleza e a forza da expresión popular.

Do mesmo xeito, músicos como Xoán Montes, Xosé Castro Chané ou Pascual Veiga atoparon nas melodías tradicionais unha fonte inesgotable de inspiración, dando lugar a pezas emblemáticas como o Negra Sombra, Alborada de Montes ou Alborada de Veiga, que tamén estarán presentes neste recital.

A proposta lembra ademais o nacemento das primeiras agrupacións corais e orfeonísticas galegas a finais do século XIX, entre elas o Orfeón Villalbés, fundado en 1882 por Santiago Mato Vizoso, quen compuxo varias obras baseadas no repertorio popular recollidas en Aires de Villalba.

Hoxe en día, máis de 200 corais galegas continúan a tarefa de preservar e transmitir a nosa música tradicional, mentres novas xeracións de artistas reinterpretan e renovan ese legado. O concerto Cantos de Raíz. Da raíz do canto é, así, unha celebración da identidade musical galega e unha chamada a manter viva a raíz do canto que define o noso pobo.

⚙ Configurar cookies
0.076440095901489