O Iescha organiza un concerto de música tradicional este venres no auditorio de Vilalba
O Instituto de Estudos Chairegos organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba, o venres 21 de xuño, ás 20:00 horas, no auditorio municipal, o concerto Música e Evolución, de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez.
Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. A entrada é de balde e pode facerse reserva previa en https://entradasvilalba.es.
Rosa Sánchez é ama de casa, bailadora e cantora tradicional, e percusionista especializada en tambores da península Ibérica. Xunto co seu home, Pablo Carpintero, recopilou máis de 900 horas de gravacións de campo do noroeste peninsular, doadas ao Museo do Pobo Galego. O seu traballo de investigación céntrase no folklore infantil, a evolución da gaita de fol, e diversos instrumentos musicais tradicionais galegos.
Pablo Carpintero é doutor en Ciencias pola USC e foi profesor de Bioquímica. Posúe un Diploma de Estudos Avanzados en Historia da Música e realiza estudos de doutorado sobre a gaita de fol. Traballou no proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para recuperar o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia e foi consultor da Unesco, participando na selección das obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da humanidade.
Xuntos, teñen editados once traballos discográficos e publicaron varios capítulos de libros e artigos sobre o patrimonio cultural inmaterial galego. A súa obra máis destacada, Os instrumentos musicais na tradición Galega, recibiu o premio Antón Losada Diéguez 2009 e está avalada pola Unesco. Esta obra describe máis de 150 instrumentos musicais empregados en Galicia ata o século XX.
Pablo Carpintero tamén realizou unha sección de música tradicional na Radio Galega e na RTVG. Actualmente, traballa como artesán especializado na fabricación de instrumentos musicais tradicionais galegos, gañando o premio de artesanía Antón Fraguas en 2016.