O Iescha organiza unha conferencia sobre a lingua galega e a súa normalización en Vilalba
O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración co Concello de Vilalba, celebrará a conferencia titulada A creación dun discurso propio sobre a lingua galega e a súa normalización, que será impartida por Ana María Iglesias, doutora en Filoloxía. A presentación do acto estará a cargo de Marisa Barreiro. A cita terá lugar o venres 24 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas, na casa da cultura de Vilalba.
Ana Iglesias Álvarez, nacida en Vigo en 1973, conta cunha destacada traxectoria no ámbito da filoloxía e a sociolingüística. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, recibiu o Premio Extraordinario de Licenciatura no curso 1997/98 e o Premio Extraordinario de Doutoramento no curso 2001/02.
Especializada no estudo da transmisión e normalización da lingua galega, Ana Iglesias é autora de numerosos artigos en revistas científicas, como Verba, Cadernos de Lingua ou Estudos de Lingüística Galega. Así mesmo, publicou o libro Falar galego: “no veo por qué” (2002), unha análise clave no campo da sociolingüística galega.
Ademais, participou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, centrando o seu traballo na área de Educación, Familia e Mocidade. Nos últimos anos, a súa investigación focalizouse na política lingüística familiar e na transmisión interxeracional da lingua galega.