O Iescha organiza unha mesa redonda para falar sobre a figura de Manuel Fraga

TerraChaXa
O Instituto de Estudos Chairegos organiza o venres 13 de xaneiro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha mesa redonda co título de Manuel Fraga Iribarne, na luz e na sombra.
7 Xan 2023

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o venres 13 de xaneiro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha mesa redonda co título de Manuel Fraga Iribarne, na luz e na sombra.

O pasado 23 de novembro cumpríronse cen anos do nacemento de Manuel Fraga Iribarne e o 15 de xaneiro de 2023 vanse cumprir once anos da súa morte.

Bo momento, na opinión da xunta directiva Iescha, para achegar á súa figura cunha mesa redonda, na que catro persoas darán unha visión poliédrica da súa vida e obra.

Está prevista a intervención de Xesús Palmou, Lourenzo Fernández Prieto, Agustín Baamonde Díaz e Antón Baamonde García. Moderará o acto Baruk Domínguez.

Manuel Fraga Iribarne foi unha figura destacada no mundo político da segunda metade do século XX: ministro de Información y Turismo na ditadura franquista (1962-1969), vicepresidente segundo e ministro de Gobernación no goberno de Arias Navarro (1975-1976), deputado no Parlamento español (1977-1987) –no que foi unha das sete persoas da comisión redactora da Constitución de 1978-, deputado no Parlamento europeo (1987-1989), presidente da Xunta de Galicia en catro mandatos (1990-2005) e senador –por designación do Parlamento de Galicia (2006-2011).

Catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional, fundou Alianza Popular e, despois, o Partido Popular, e foi embaixador de España no Reino Unido (1973-1975).

0.10963606834412