O Iescha organiza unha palestra sobre Isaac Díaz Pardo a cargo de Felipe Senén

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) celebrará o vindeiro venres 21 de novembro, ás 20.00 horas, unha palestra titulada Isaac Díaz Pardo, milagres e espolio, que será impartida polo historiador da cultura galega Felipe Senén. O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba e contará coa presentación de Marisa Barbeiro, presidenta da entidade organizadora.
A conferencia centrará a súa atención na figura de Isaac Díaz Pardo, artista, empresario e intelectual fundamental na renovación cultural galega do século XX. Fillo do escenógrafo Camilo Díaz Baliño, Díaz Pardo destacou polo seu compromiso coa memoria histórica e pola creación dun proxecto industrial e artístico singular, do que forman parte iniciativas como Cerámicas do Castro, o Laboratorio de Formas de Galicia, o Museo Carlos Maside ou o Instituto Galego da Información.
Felipe Senén, encargado de impartir a charla, conta cunha longa traxectoria profesional ligada á investigación, á xestión cultural e á posta en valor do patrimonio galego. Formado en Historia da Arte na Universidade de Santiago, desenvolveu o seu labor en institucións como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ou a Deputación da Coruña. Ademais, é autor de numerosas publicacións e colaborador habitual en medios de comunicación.
A entrada ao acto será gratuíta até completar o aforo, co obxectivo de facilitar a participación da veciñanza nunha nova actividade divulgativa promovida polo Iescha.