O Iescha organiza unha viaxe á Ribeira Sacra en abril

TerraChaXa
Será de balde e incluirá transporte, guía acompañante, xantar, entradas aos lugares de visita e seguro de viaxeiros
excursion-iescha
23 Mar 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) foi admitido para participar no programa Coñece a túa Provincia 2025, organizado pola Deputación de Lugo. Esta iniciativa permitirá que a entidade leve a cabo unha excursión que se celebrará o mércores 9 de abril. A xornada comezará ás 9:00 horas coa saída dende a Casa da Cultura de Vilalba, e proseguirá cunha visita ao Pazo de San Marcos ás 10:00 horas.

Posteriormente, desenvolverase a ruta concedida dentro do programa: a Ruta 22 que inclúe paradas en Ribas do Sil e Quiroga. As persoas participantes visitarán a abadía de San Clodio e o centro de interpretación da minería aurífera en Ribas de Sil. Ademais, realizarase unha visita ao Xeomiradoiro de Campodola e a unha adega da zona.

A excursión será de balde e incluirá transporte, guía acompañante, xantar (cun menú pechado que inclúe primeiro e segundo prato, sobremesa, café ou infusión e bebidas), entradas aos lugares de visita e seguro de viaxeiros. Recoméndase que todas as persoas participantes leven roupa e calzado cómodos ou deportivos para facilitar os desprazamentos durante a xornada.

No referente á inscrición, haberá un total de 23 prazas concedidas, das cales 20 estarán dispoñibles para socios e non socios do Iescha, mentres que as tres restantes estarán reservadas para a organización. O prazo de inscrición está aberto dende o 22 de marzo ata o 1 de abril ás 18:00 horas. As solicitudes deberán enviarse por correo electrónico ao enderezo estudoschairegos@gmail.com, sendo este o único medio habilitado para este proceso. Cada solicitude poderá incluír un máximo de dúas persoas e deberá recoller datos obrigatorios como nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto. Se algunha das persoas participantes é menor de idade, esta circunstancia deberá constar na solicitude, xunto con posibles necesidades especiais, como alerxias alimentarias.

A adxudicación das 20 prazas dispoñibles farase mediante sorteo público, sempre que o número de solicitudes supere esta cantidade. O sorteo celebrarase no local do Iescha, situado na Casa da Cultura, o martes 1 de abril a partir das 18:15 horas. Os socios e socias da entidade terán preferencia absoluta neste proceso. Os resultados serán comunicados por correo electrónico a cada solicitante.

⚙ Configurar cookies
0.21933889389038