O Iescha, por e para a cultura

TerraChaXa
O Instituto de Estudos Chairegos vén e cumprir 21 anos de historia cun traballo volcado en fomentar a cultura da terra.
iescha2
3 Out 2021

O Instituto de Estudos Chairegos vén e cumprir 21 anos de historia cun traballo volcado en fomentar a cultura da terra cun programa cultural que toca todos os paus e que busca poñer en valor aos propios autores da Chaira. A loita principal está agora na posta en valor da gran figura literaria local, Manuel María.

O Iescha naceu no ano 2000 rexido por unha xestora provisional que nalquel momento estaba dirixida por Manolo Roca, e que máis tarde e ata a actualidade tivo varios presidentes, como Chema Felpeto, Mago Cazón, Marnuel Santamariña e Marisa Barreiro Mejuto, que ocupa agora o cargo.

Pero ademais da presidenta, o colectivo conta cunha directiva formada por 12 persoas, que se renova cada 4 anos e á que pode presentarse a formar parte calquera socio.

O colectivo ten unha importante presenza no panorama cultural vilalbés sendo. Actualmente son 346 socios tras pasar por pequenos altibaixos aínda que a súa tendencia foi sempre a medrar. Como explica a súa presidenta “hai socios que se van, que fallecen, hai xente que vive un determinado tempo en Vilalba e logo marcha, por exemplo, e logo temos o caso contrario, xente que continúa no Iescha malia vivir noutros lugares”.

Cando xurdiu o Iescha había unha necesidade que cubrir. A asociación cultural Lois Peña Novo acabara de desaparecer e cada vez había unha inquedanza maior por crear outra entidade cultural. Así, nunha xuntanza de amigos lembran a pasada asociación e deciden volver a ocupar ese espazo cultural.

O obxectivo era claro, facer unha defensa de Galicia como país, da súa lingua, historia, tradicións e costumes con especial atención á Terracha. “O obxectivo é formar e informar na medida en que se poda ademais de apoiar a estes colectivos que fan ese traballo cultural tan importante”, lembra Marina, que tamén foi unha das primeiras socias.

AS ACTIVIDADES

Non tardaron moito en comezar as actividades abrindo un abanico importante de modalidades e sempre co obxectivo de achegar ás persoas aquela información que poida ser útil e sempre coa cultura por bandeira. Esas actividades en maior o menor medida pero de forma constante foron sucedéndese todos estes anos.

Así, o Iescha organiza diferentes actividades que teñen que ver coa actualidade nese momento. Así, agora mesmo están a traballar na defensa de servizos non rural, por exemplo. Non faltan as obras de teatro e as exposicións, tanto de arte como formativas. Unha das que lembra Marisa como máis destacada foi unha sobre insectos, que provocou o descubrimento dunha nova especie de mosca non catalogada. Estas mostras percorreron tamén outros concellos da contorna porque unha das máximas do colectivo é a cooperación co asociacionismo.

Tamén contan con teatro, xornadas formativas ou mesmo a edición de libros, non como vendedores, pero si para poñer en valor a estudosos ou traballos vinculados á comarca, “libros que recollan unha testemuña dun cambio, de poemarios, etc...”, explican.
Destacan datas importantes como pode ser a conmemoración da chegada da República a Vilalba.

Unha das actividades estrela do colectivo foi a creación dun premio literario de gran importancia no panorama cultural con repercusión en toda Galicia, como o Agustín Fernández Paz, que precisamente ofererá o faio da quinta edición este mes. Tamén, como parte do premio, levan as obras premiadas ao centros educativos.

Ademais, ao ser un colectivo cultural de referencia en Vilalba e tamén na Terra Chá, son moitos os particulares e asociacións que acuden a eles para diferentes estudos ou traballos, xa que o Iescha posúe un interesantísimo arquivo con máis de 16.000 imaxes que amosan o pasado da comarca a través de fotos.

Pero combinar cultura con exercicio é outra das accións do colectivo, que todos os anos organiza roteiros, polo menos tres.
Tocan todos os paus da cultura, porque tamén hai proxeccións de cine ou concertos, para poñer en valor o traballo que fai “a xente que aposta por facer algo propio e con entidade”, indican.

CHEGADA DA COVID

A covid foi para o Iescha tamén un parón da actividade normal. “Foi algo que sufrimos todos, todo o mundo en toda a súa actividade diaria, no laboral no social como nestas entidades culturais, Intentamos estar aí dende o primeiro momento, Estivemos ao alcalce de todo o mundo, informando de diferentes enderezos para pasar o tempo no confinamento, enlaces que estaban pasando cousas”, explica Marisa.

Tamén fixeron un referesco das actividades para que a xente puidera lembralas e entreterse. E cando a covid deu algo de tregua volveron a recuperar pouco a pouco a actividade, procurando sempre ir a actividades ao aire libre e con aforos reducidos.

MANUEL MARÍA

Unha das loitas principais do colectivo é reivindicar a figura de Manuel María e para iso impulsaron o proxecto de que a casa da cultura fose distinguida co nome do autor. As incidencias burocráticas tumbaron o proxecto pero non se renden.

Ademais hai tamén intención e iniciativas para que o parque leve o nome de Rosalía de Castro e a biblioteca o de Agustín Fernández Paz.

“O Iescha ten clarísimo que a casa da cultura ten que levar o nome de Manuel María, de levar un nome. Hai máis persoas, pero cando se empezou a falar do nome foi o que xurdiu, o que estaba aí”, explican.

O proxecto arranca xa do ano 2004 pero aínda non conseguiron poñer de acordo aos grupos políticos, que son os que teñen que tomar a decisión definitiva. A campaña foi intensa con recopilatorios de videos feitos por simpatizantes da idea, que supeñen máis de 5 horas de gravación dos momentos máis persoais do autor. Este documento estase editando actualmente e repartiranse entre os membros do colectivo.

ASOCIACIOINISMO

O apoio entre colectivos e as aportacións do Concello e da Deputación son o sustento principal do colectivo que ten unha cuota mínima de participación de 30 euros ao ano. Así, acada un orzamento de 15.000 euros anuais, que dá de si co traballo dos socios para impulsar moitas das iniciativas, en especial dos 12 membros da directiva.O Concello tamén aporta cedendo os espazos municipais.
Unha das últimas reivindicacións está nun apoio total ao Mupav. “É unha sorte ter un museo destas características. Hai que reforzarlo e colaborar con esa entidade que ten un prestixio moito máis aló de Galicia e España e que as veces o descoñecemos por falta de información”, engade Marisa.

Tamén defenden o labora da escola de música, a Esmuvi, aínda que reivindican que Vilalba ten que contar cun conservatorio no que seguir os estudos regulados “xa que o labor da escola é achegar a música a moitos nenos e maiores que a bucan como unha actividade máis lúdica”.

AS NECESIDADES

Agora mesmo, unha das súas necesidades máis importante é “contar con máis apoio económico das institucións para poder desenvolver as actividades máis facilmente, para por exemplo edictar máis libros que son de interese. Edítanse libros máis técnicos porque hai xente que nolo pide”.

Tamén piden un espazo un pouco máis amplo do que teñen na casa da cultura. O colectivo está a preparar a petición á concelleira de cultura. Agora dispoñen dun lugar para o almacenaxe, ademais dunha oficina que utilizan como lugar de xuntanza para recibir á xente que vai falar ou a presentar algún proxecto o algunha idea.

O colectivo lembra tamén á veciñanza que “sería importante contar coa colaboración do maior número de socios posible. Por 30 euros ao ano calquera pode axudar a facer medrar a entidade para poder seguir facendo cousas.

0.1555061340332