O Iescha presenta a obra de Carme Adán contra as violencias machistas

O sábado 15 de marzo de 2025, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e do Concello de Vilalba, organiza a presentación de Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas. O acto correrá a cargo de Carme Adán, doutora en Filosofía, ensaísta e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), ademais de coordinadora do equipo que elaborou o manual. A presentación estará a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
Este manual pretende ofrecer unha ferramenta áxil para afrontar as violencias machistas, recompilando información sobre a violencia de xénero e a violencia sexual, as súas repercusións e os recursos dispoñibles. Divídese en tres apartados fundamentais: o primeiro, enfocado en recoñecer as diferentes formas de violencia; o segundo, centrado nos percorridos xurídicos para orientar as mulleres e mozas que deciden presentar unha denuncia; e o terceiro, que recompila programas, recursos e axudas dispoñibles en Galicia. O texto está dirixido tanto ás mulleres e mozas que poidan atoparse nunha situación de violencia machista como ás profesionais que traballan na súa prevención e erradicación. Segundo o Consello da Cultura Galega, esta publicación busca contribuír ao proxecto colectivo dos feminismos para acadar un mundo máis xusto e libre de violencias machistas.
Carme Adán (Donostia, 1966) é doutora en Filosofía e ensaísta. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía entre 1997 e 2005 e exerceu como Secretaria Xeral da Igualdade no Goberno galego entre 2005 e 2009, ademais de ser Presidenta da Unidade Muller e Ciencia de Galicia. Foi deputada no Parlamento galego durante a VIII e IX Lexislatura, onde redactou a Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero e participou nas súas sucesivas modificacións.
Publicou diversas obras, entre elas Feminismo e Coñecemento (2003), traducida ao castelán en 2006, e Cartografías do derrubo (2011), unha recompilación de artigos publicados en Xornal de Galicia. Entre as súas publicacións recentes destacan artigos en revistas especializadas como Grial e Revista Andaluza de Antropología. En 2018, publicou Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisón, editado por Galaxia, que acadou a cuarta impresión en 2020 e foi traducido ao castelán e ao catalán.
Na actualidade, Carme Adán exerce como catedrática de Filosofía no IES Politecnico de Vigo, dirixe o CDIF no Consello da Cultura Galega e coordina a sección de Feminismos da revista Grial. Ademais, entre 2018 e 2022, coordinou a sección de Pensamento no Consello da Cultura Galega.
A entrada ao acto é libre e gratuíta ata completar aforo.