O IESCHA presenta 'Arquitecturas debuxadas'

TerraChaXa
O Instituto de Estudos Chairegos organiza o vindeiro venres, día 27 de outubro de 2017, ás oito e media do serán, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Arquitecturas debuxadas, de SANTIAGO CATALÁN.
25 Out 2017

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o vindeiro venres, día 27 de outubro de 2017, ás oito e media do serán, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Arquitecturas debuxadas, de SANTIAGO CATALÁN. No acto, ademais do autor do libro, intervirán MANUEL BRAGADO, director de Edicións Xerais de Galicia, entidade editora da publicación, MANUEL ROCA CENDÁN, profesor e vogal da Xunta Directiva do Iescha, e MARISA BARREIRO MEJUTO, mestra e presidenta do IESCHA.
O arquitecto Santiago Catalán ofrece neste libro un itinerario visual inédito sobre a cidade de Lugo. Arquitecturas debuxadas polo autor con asombrosa fidelidade a algúns dos espazos e das edificacións emblemáticas da cidade bimilenaria, como a catedral, a casa do Concello, a praza do campo e a muralla. Unha obra que, ademais, homenaxea a Juan Álvarez de Mendoza, Luis Bellido, Nemesio Cobreros, Eloy Maquieira ou Alfredo Vara, arquitectos que deseñaron a cidade e renovaron o seu urbanismo no último século. En palabras de Paco Martín, “Santiago Catalán, nesta obra, que non dubido en cualificar de substancial para o coñecemento da nosa cidade, descorre coa mao sensible do artista a cortina que gardaba da nosa vista moito diso que cada día miramos pero que non sempre vemos”. “Arquitecturas debuxadas vén achaiar o camiño do viaxeiro interesado despechándolle portas á curiosidade intelixente, a encher de arte e coñecemento ese espazo que o costume e a rutina foron baleirando na sabenza dos lugueses”. Un libro que Santiago Jaureguizar cualifica como “celebración das porcións de Lugo, ‘que adscribe’ á Cidade Eterna”, engadindo que “o vademécum de Catalán é o inventario que o noso sandador nos lega para indicarnos a arquitectura luguesa que debemos preservar”.
Santiago Catalán
Santiago Catalán (Madrid 1954) é arquitecto, debuxante e pintor. Desde a súa titulación na Escuela de Arquitectura de Madrid, en 1978, compaxinou a súa faceta profesional (con proxectos de edificios públicos, restauración de monumentos, interiorismo e deseño gráfico) cunha intensa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte en xeral, sendo fundador e socio da Galería Bacabú de 1998 a 2001 en Lugo, o seu lugar de residencia desde 1980.
Algunhas das súas exposicións:
1981 Sala de la Escuela de Arquitectura de Madrid 1986 Sala del Banco de Crédito e Inversiones (Lugo) 1988 Galería Sargadelos (Santiago de Compostela) 1992 Galería Pardo Bazán (A Coruña)
1994 Galería Almirante (Lugo) 1996 Mesón do Forno (Lugo) 1998 Galería Detursa (Madrid)
1999 Sala Bacabú (Lugo) 2003 Sala Amararte (Lugo) 2006 Sala COAG. Casa da Conga (Santiago de Compostela) 2007 Galería Almirante (Lugo) 2009 Auditorio de Vilalba (Lugo)
2010 Galería Pardo Bazán (A Coruña)

0.043698072433472