O Iescha presenta en Vilalba a nova obra de Adrián Méndez sobre A cega de Noceda

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, presentará o libro O violín que trae o vento, do autor Adrián Méndez, nun acto que terá lugar o este venres 28 de novembro ás 20:00 horas na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba.
A cita contará tamén coa actuación musical do grupo As Cegas de Ouselle e celebrarase no marco da exposición Retratos, de Pedro Cabarcos. A iniciativa é posible grazas ao financiamento e patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O violín que trae o vento relata a vida de Modesta Fernández, coñecida como “A cega de Noceda”, unha violinista da Fonsagrada que deixou unha fonda pegada na música tradicional da comarca. A obra, financiada pola Deputación de Lugo, conta coa colaboración de Xulia Feixoo e Begoña Riobó, ademais dunha parte musical na que participan Pärbo, As Cegas de Ouselle, Caldo, Caamaño & Ameixeiras, Abril e Carmen & Marcos.
O autor, Adrián Méndez, naceu en Bilbao en 1996 e trasladouse posteriormente á Fonsagrada. Vinculado desde moi novo á música e á cultura popular, é gaiteiro e zanfonista no grupo De Ninghures, ademais de profesor de baile tradicional, investigador e divulgador do patrimonio inmaterial galego. Ten impartido obradoiros, palestras e clases en diversos centros culturais e festivais da provincia.
Pola súa parte, As Cegas de Ouselle é un proxecto musical liderado por Aldara Palmeiro, Miguel Lustres e Antón Castro, que recupera o legado dun trío feminino dos anos trinta coñecido co mesmo nome. O grupo recompila e devolve á actualidade un repertorio tradicional das antigas feiras, composto por romances, cantigas e pezas de baile.
A entrada ao acto será de balde.