O Iescha presenta en Vilalba o libro 'Cereixas Roubadas' do Colectivo Comadres das Letras

TerraChaXa
O acto celebrarase o venres 23 de maio de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba
comadres-das-letras
20 May 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba e da Editora Alvarellos, organiza a presentación do libro Cereixas roubadas, obra colectiva do grupo feminista Comadres das Letras, cun limiar da escritora Marga do Val. O acto celebrarase o venres 23 de maio de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba. A presentación contará coa participación de varias autoras integrantes do colectivo e será conducida por Sabela Figueira, vicepresidenta do Iescha. A entrada será de balde ata completar aforo.

Cereixas roubadas é a segunda obra publicada polas Comadres das Letras, un colectivo de escritoras feministas nacido en 2022 en Santiago de Compostela, no seo dos obradoiros literarios coordinados por Eli Ríos e organizados pola AELG. Esta nova proposta rende homenaxe á autora Luísa Villalta a través de trece voces que transitan entre o verso e a prosa, a peza dramática e o caligrama, nun exercicio literario que mestura sensibilidade, memoria e compromiso.

O colectivo promove a visibilización das mulleres na literatura e reivindica o termo "comadre" como símbolo de apoio mutuo, palabra que foi incorporada ao dicionario da RAG en 2024 e elixida tamén como palabra do ano. Desde a súa creación, as Comadres publicaron Contármonos (2023) e Cereixas roubadas (2025), ademais de participar activamente en recitais, encontros literarios e actividades culturais como a SELIC, a homenaxe a Aurora Marco ou as xornadas feministas da UNED. Tamén foron finalistas nos Premios Follas Novas na categoría de Promoción da Lectura.

O grupo continúa en activo a través de presentacións, encontros en clubs de lectura e intervencións en centros educativos e culturais de todo o país, destacando pola súa aposta por unha literatura comprometida coa igualdade e pola recuperación do valor simbólico e comunitario da figura da comadre na cultura galega.

Forman parte do colectivo as autoras: Carmen Villar Alonso, Isabel Cribeiro, Chus Prol, Xulia Crego, M. C. García, Eva Teixeiro, Nela Valado, Marisa de Corme, Ana Barja, María Álvarez Landesa, Marta Abal Vaquero, Flora Miranda e Marga C. Castro.

⚙ Configurar cookies
0.16897487640381