O Iescha presenta o Caderno de estudos chairegos

TerraChaXa
O Instituto de Estudios Chairegos Pena do Encanto (Iescha), organiza para o vindeiro venres, día 25 de xaneiro de 2019, ás 20:30 horas, o acto de presentación do Caderno de estudos chairegos, Nº9, editado no mes de decembro polo Iescha, contando coa financiación da Deputación de Lugo, dentro do convenio suscrito por ambas entidades para o ano 2018.
cadernoestudos_portada
23 Xan 2019

O Instituto de Estudios Chairegos Pena do Encanto (Iescha), organiza para o vindeiro venres, día 25 de xaneiro de 2019, ás 20:30 horas, o acto de presentación do Caderno de estudos chairegos, Nº9, editado no mes de decembro polo Iescha, contando coa financiación da Deputación de Lugo, dentro do convenio suscrito por ambas entidades para o ano 2018. Intervirán no acto, Orlando Viveiro Veiga e David Fernández Fraga, autores de senllos traballos do Caderno; Eduardo Vidal Baamonde, deputado provincial, e Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha.

O Caderno número 9 está dedicado a Ramón Chao, in memoriam, e abre co Limiar de Marica Campo que nos adentra de forma brillante no contido do mesmo. O xornalista vilalbés Moncho Paz glosa a figura de Ramón Chao no seu artigo “Ramón Chao: Bosquexo dun rebelde”. Coñeceremos un pouco mellor ao polifacético vilalbés Lois Peña Novo grazas á pluma do historiador Ramón Villares, no seu artigo “Lois Peña Novo, corresponsal na súa terra”. O mestre José David Fernández Fraga colabora nesta Caderno cun completo traballo titulado “Memorias da parroquia de Somede-Oleiros”. Paulo Naseiro escribe de novo no Caderno co artigo “Modesto Ciruelos. Un artista de vangarda no Instituto Manuel Murguía de Vilalba”. O investigador Xosé Ramón Ermida Meilán, fálanos de “Os asasinos de Hipólito Veiga. Unha achega ao estudo dos vitimarios na Terra Chá”. Orlando V. Veiga continúa colaborando no Caderno con estudos sobre o patrimonio. Nesta ocasión sobre “O patrimonio da auga no Río Miño”. Tres habituais colaboradores do Caderno, Fernando Arribas Arias, Xosé Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez, escriben sobre a “Ruta dos cruceiros da Terra Chá. Roteiro do Concello de Xermade”. No capítulo de recensións, Sabela Filgueira Tenreiro dános conta do libro de Manuel Roca Cendán, “O soño do desenvolvemento de Galicia. Un paseo pola nosa economía con LOIS PEÑA NOVO”. Pola súa parte, Xosé M. Felpeto Enríquez escribe sobre o libro de Manuel Ferreiro “…de cando as pedras falaban”. Ambolos dous libros foron editados polo Iescha. No OBITUARIO, o escritor Paco Martín lembra ao tamén escritor chairego Xabier P. Docampo, e Antón Baamonde, pola súa parte, trae a lembranza de Manuel Fraga Rey, “Lito”. Pecha o Caderno, como é habitual, a sección de fotografías antigas, “Tal como éramos”, que alcanza a edición IX de Vilalba e a V de Guitiriz.

1
0.22546911239624