O Iescha presenta o libro Galeguía de Manuel Miragaia
O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración con Chiado Books, presentará o libro Galeguía, de Manuel Miragaia, o venres, día 16 de febreiro de 2018, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba. Intervirán no acto o propio autor do libro e o poeta chairego Matiño Maseda.
Galeguía é un libro poético para coñecer as relacións históricas entre Galicia e Portugal, as oríxenes de Galicia e de Portugal e as ideas do Galeguismo. Trata sobre os mitos fundamentais de Galicia. Resume o fundamental do galeguismo, dende os seus inicios, e ofrece unha utopía galeguista.
Manuel Miragaia Doldán, nado na Coruña o 17 de xullo de 1958, é un escritor galego, Licenciado en Filosofía pura pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Maxisterio por Ciencias Sociais, é especialista en lingua galega e diplomado en galego pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Na actualidade, traballa como profesor no IES Cruceiro Baleares, en Culleredo. Realizou diversos traballos de investigación e innovación educativa, impartiu cursos e actuou en diversas ocasións como conferenciante e en recitais de poesía.
Desde 1976 escribe habitualmente en diversos medios de comunicación: El Ideal Gallego, El Correo Gallego, A Nosa Terra, Man Común e fundamentalmente en La Voz de Galicia. Tamén escribiu semanalmente no xornal Galicia Hoxe.