O Iescha proxecta este xoves 'Os espazos en branco' dentro do ciclo Mestre Mateo'

TerraChaXa
Esta oitava proxección terá lugar no auditorio municipal de Vilalba ás 20:00 horas
Cartel 'Os espazos en branco'
9 Dec 2024

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental Os espazos en branco, de Bruno Arias, gañadora do premio Mestre Mateo ao mellor documental.

Continúase así co ciclo Mestre Mateo que durante o último trimestre do presente ano 2024 brinda a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII Premios Mestre Mateo.

Esta oitava proxección terá lugar no auditorio municipal de Vilalba o xoves 12 de decembro, ás 20:00 horas.

SINOPSE

As persoas somos o que somos por quen nos inspira. Desde que nacemos, constrúen as nosas personalidades, intereses e ambicións os reflexos da xente á que admiramos, das nosas referencias. Bruno leva moito tempo cunha espiña cravada: non lembra case nada de quen máis lle influíu na súa vida. A súa tía Xela morreu cando el tiña 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, dezaoito anos despois, Bruno decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.

0.15427613258362