O Iescha proxecta o film 'Salvaxe, salvaxe' dentro do ciclo Mestre Mateo

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe documental Salvaxe, salvaxe, dirixida por Emilio Fonseca. Esta iniciativa enmárcase no Ciclo Mestre Mateo 2025, que durante os próximos meses ofrecerá ao público a oportunidade de gozar das películas finalistas, tanto documentais como longametraxes e curtas, dos XXIII Premios Mestre Mateo.
A sétima proxección deste ciclo terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 4 de outubro, ás 20:00 horas. A cámara adéntrase nos montes da Galiza e o norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos.
Salvaxe, salvaxe rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.