O Iescha proxecta un novo documental do ciclo Mestre Mateo este domingo

TerraChaXa
'Emoción, vida e teatro. A Nave das Marías', de Saamira Ganay e Cris Andina, poderá verse no auditorio ás 20.00 horas
documental-marias-premios-mestre-mateo
5 Nov 2024

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental Emoción, vida e teatro. A Nave das Marías, de Saamira Ganay e Cris Andina, continuando así co Ciclo Mestre Mateo, que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindaranos a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII Premios Mestre Mateo.

Esta quinta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o domingo 10 de novembro, ás 20:00 horas.

SINOPSE

Este documental fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social. As persoas implicadas no proceso de creación da peza teatral A Nave das Marías contan en primeira persoa como as clases de teatro e o proceso creativo influíron nese momento das súas vidas, deixando testemuña de como o teatro pode ser unha ferramenta sorprendente e efectiva, porque pode cambiar ás persoas e pode cambiar as vidas.

“A Nave das Marías” foi unha peza teatral creada dentro dun programa da ONG Ecos do Sur para facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes impulsando procesos de sensibilización social en cuestión de xénero.

0.16365194320679