O Iescha proxectará o sábado outra película finalista dos Mestre Mateo
O Instituto de Estudos Chairegos, Iescha, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, continua coa programación do ciclo de cine galego proxectando nesta ocasión outra das películas finalistas dos Premios Mestre Mateo’2021.
Nesta ocasión será Arima, da directora Jaione Camborda e terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o vindeiro sábado 22 de maio, ás 19:30 horas.
A entrada será de balde, pero por motivos de control de aforos e outras medidas sanitarias, haberá que realizar a correspondente reserva ben na páxina web do concello ben directamente na casa da cultura de Vilalba.
Arima é aquilo que ves a través da néboa, aquilo que intúes, pero que non consegues ver con claridade. Un soño, un recordo, un desexo. A vida de catro mulleres e unha nena vese alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles foxe do outro, escondéndose polo pobo como un ser fuxidío, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida as mulleres. Todo iso moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.