O Iescha rende homenaxe a Bernardo García Cendán no seu XIII cabodano en Vilalba

TerraChaXa
O encontro desenvolverase ao carón da lousa conmemorativa, inaugurada hai tres anos
homenaxe-bernardo
27 Dec 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, celebrará este domingo 28 de decembro un acto de homenaxe a Bernardo García Cendán con motivo do seu XIII cabodano. A cita terá lugar ás 12:30 horas na Praza da Igrexa de Vilalba e será de entrada libre.

O encontro desenvolverase ao carón da lousa conmemorativa dedicada a Bernardo, inaugurada hai tres anos e realizada polo canteiro José Gómez de Bernardo, coñecido como Pepón. Nese espazo simbólico volverán darse a man a palabra e a música, dous elementos fundamentais na vida e na traxectoria do homenaxeado.

O acto concíbese como un momento de lembranza e recoñecemento á figura de Bernardo García Cendán, intelectual, escritor e crego, pero tamén amigo moi querido, cuxa pegada segue viva na memoria cultural e humana da vila. Haberá un espazo dedicado ao recitado de textos da súa autoría, que permitirá achegarse unha vez máis á súa obra e ao seu pensamento.

A parte musical correrá a cargo dos grupos Lambe Lambe e Corredores de Sombra, que contribuirán a crear unha atmosfera de emoción e respecto nun acto pensado para honrar a súa memoria desde o afecto e a admiración compartida.

⚙ Configurar cookies
0.08004903793335