O Iescha renova a directiva con María Luisa Barreiro á fronte

Na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o xoves 27 de marzo de 2025, as persoas asistentes aprobaron por unanimidade a memoria de actividades correspondente ao ano 2024, así como o plan de actividades previsto para o exercicio 2025. Tamén recibiron o respaldo unánime o balance económico do pasado ano e o orzamento para o presente exercicio.
A continuación, durante a Asemblea Extraordinaria, procedeuse á elección da nova Xunta Directiva. A candidatura presentada foi respaldada por aclamación, reflectindo o consenso e apoio das socias e socios ao equipo que dirixirá a entidade nos próximos catro anos. A nova directiva queda presidida por María Luisa Barreiro Mejuto; como vicepresidenta estará Sabela Figueira Tenreiro; secretario, Arturo Gómez Mato; vicescretario, Xosé M. Felpeto Enríquez, e tesoureiro: Manuel Castro Santamariña.
Como vogais actuarán Manuel Roca Cendán, Constantino Alvite Muinelo, Jesús Trastoy Saavedra, Alfonso Baamonde Fernández, Rebeca Leal Eimil e Iria Currás Gato.
A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, en nome da nova Xunta Directiva, agradeceu a confianza depositada e comprometeuse a traballar na consolidación dos proxectos en marcha, así como na posta en marcha de novas iniciativas que permitan fortalecer a actividade da organización. Expresou tamén o firme compromiso de continuar promovendo e difundindo a cultura chairega e galega, mantendo o espírito de colaboración e esforzo que caracterizou ao Iescha durante os seus 25 anos de existencia, aniversario que estará igualmente presente no plan de actividades aprobado.