O Iescha visita en Muras a exposición 'Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971'

O vindeiro sábado 4 de outubro de 2025, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) organizará unha visita á exposición Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971, que se poderá ver no lugar das Aguias, en Muras. A mostra rende tributo aos irmáns Álvarez Blázquez e reúne 41 serigrafías realizadas nos talleres da Serigrafía Gallega (Sega), fundada en Vigo por Álvaro Álvarez Blázquez, que foron expostas por primeira vez en Galicia no ano 1971.
Promovida polo Legado Activo Beiras Cal (LABC), a exposición permite contemplar obras de artistas de referencia na creación galega contemporánea como Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio Prego, Xosé Luis de Dios, os irmáns Quesada, Mercedes Ruibal, María Antonia Dans, Vidal Souto ou Maside, entre outros.
A chegada ás Aguias está prevista para as 12:00 horas, momento no que dará comezo a visita guiada a cargo de Carme Varela, secretaria do LABC. A actividade prolongarase ata as 14:00 horas aproximadamente. Nesta ocasión non é necesario inscribirse previamente, polo que todas as persoas interesadas deberán achegarse polos seus propios medios ao punto de encontro.