O informe turístico do Eixo Atlántico defende un alto potencial para que Vilalba avance nun modelo estruturado

TerraChaXa
A localidade acolleu a presentación do documento, que foi redactado pola profesora e investigadora Montserrat Cruz
presentacion-informe-turismo-vilalba
3 Dec 2025

O Concello de Vilalba acolleu esta mañá a presentación do “Informe de Análise Turística do Concello de Vilalba”, elaborado polo Eixo Atlántico dentro da súa Colección de Cadernos de Cooperación e cofinanciado polo FEDER a través do programa POCTEP.

A autora do estudo é a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Montserrat Cruz, quen contou na elaboración do documento coa colaboración de Francisco Javier Sánchez e Vanessa Suárez.

Na rolda de prensa participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; a Directora do Departamento de Programas e Cooperación do Eixo Atlántico, Vânia Oliveira; a concelleira de Turismo de Vilalba, María Xosé Fernández; e a propia autora do informe, que foi a encargada de explicar os principais resultados.

O estudo realiza unha análise detallada do territorio, dos recursos turísticos existentes e da relación entre a oferta e a demanda actual. A diagnose destaca o elevado número de recursos naturais, culturais e patrimoniais con potencial para xerar produtos turísticos estruturados: o paseo fluvial da Madalena, o Camiño do Norte, as pontes, restos castrexos, casas indianas, recursos BIC, cemiterios neogóticos, espazos de observación de aves ou rutas nas serras próximas, entre outros.

Porén, o informe tamén sinala que estes recursos aínda non se traducen en estadías longas, polo que recomenda avanzar na creación de produtos integrados, como rutas gastronómicas vinculadas ao capón ou ao queixo San Simón da Costa, e na mellora da sinalización, da oferta de lecer e da estrutura de servizos turísticos.

Entre as recomendacións, recóllese a necesidade dun calendario estable de actividades, maior adecuación dos horarios de restauración ás necesidades dos peregrinos do Camiño do Norte, reforzo da Oficina de Turismo e unha aposta clara polo turismo activo, verde, cultural, natural e ornitolóxico.

Na súa intervención, a alcaldesa, Marta Rouco, quixo agradecer ao Eixo Atlántico “o seu compromiso constante coa cooperación e co desenvolvemento equilibrado dos territorios”, así como recoñecer o “rigor e a utilidade” dun documento que permitirá ao Concello planificar con maior precisión.

“Este informe ofrece unha fotografía realista e necesaria sobre a situación turística de Vilalba. É unha ferramenta estratéxica que nos axuda a tomar decisións con visión e con datos, e que reforza a idea de que Vilalba ten un enorme potencial por desenvolver”, afirmou a rexedora.

A alcaldesa destacou tamén a colaboración activa do Concello durante o proceso de análise e o compromiso do goberno municipal de seguir avanzando nun modelo turístico que incremente o atractivo da vila e xere impacto positivo no tecido económico e social.

O Concello subliñou que este informe forma parte da estratexia municipal para reforzar o seu posicionamento turístico, abrir novas oportunidades de dinamización e poñer en valor os recursos propios da vila.

A documentación presentada quedará a disposición do Concello para orientar futuras actuacións e deseñar novas liñas de traballo en materia de promoción, planificación e creación de produto turístico.

⚙ Configurar cookies
0.076415061950684