O INSS presenta en Vilalba unha campaña para fomentar o uso correcto de EPIs no sector forestal

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) presentou en Vilalba a nova campaña informativa EPI no posto de traballo – sector forestal, unha iniciativa coa que se busca reforzar a seguridade laboral no sector primario, concretamente na actividade forestal, considerada polo organismo como un ámbito de actuación prioritaria pola súa relevancia económica e social no tecido empresarial galego. Ao acto asistiu a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, que destacou a importancia desta campaña como ferramenta para reducir a sinistralidade laboral a través da formación, a información e a promoción do uso adecuado dos equipos de protección individual (EPI).
Esta nova acción céntrase na divulgación de boas prácticas no uso dos EPI nos principais postos do sector forestal, facendo especial fincapé na súa correcta utilización como medida clave para minimizar os riscos inherentes ás tarefas de aproveitamento forestal. A campaña inclúe fichas técnicas para seis perfís profesionais: motoserrista, operario de poda e tala de altura, operario de rozadoira, peón, maquinista e transportista. Cada unha delas recolle de forma visual e accesible os EPI necesarios para cada posto, co seu correspondente pictograma, descrición e normativa aplicable, ademais de recomendacións sobre a avaliación de riscos, procedementos seguros, mantemento dos equipos e aspectos ergonómicos.
A campaña materialízase nun documento informativo e un cartel, dispoñibles en galego e castelán, tanto en soporte físico como dixital. En total distribuiranse 3.500 folletos e 1.250 carteis. A súa difusión realizarase en colaboración cos servizos de prevención propios, mancomunados e alleos, así como coas entidades que integran o grupo de traballo técnico do sector forestal do Issga, que farán chegar o material a empresas e persoas traballadoras.
O Issga complementa esta campaña cunha programación formativa específica, que inclúe seis cursos presenciais de prevención no uso da motoserra e rozadoira, en distintos concellos das catro provincias galegas. Estes cursos abordan o manexo seguro destas ferramentas, que están entre as principais fontes de accidentes no sector agroforestal.
Ademais, tanto o documento como a formación foi elaborado no seo do grupo de traballo técnico do sector forestal do Issga, no que participan, ademais do persoal técnico do Instituto, representantes da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga), das empresas Ence e Finsa, así como da Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo.
Ademais, o Instituto impulsa seis edicións dun curso de gamificación aplicada á prevención de riscos laborais, dirixido ao alumnado de formación profesional. Esta formación emprega recursos dixitais como a aplicación Alertas Issga para fomentar unha actitude preventiva e segura dende as etapas iniciais da carreira profesional. Con esta nova campaña, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa seguridade laboral no sector forestal, apostando por accións que chegan directamente ao persoal traballador e contribúen a crear contornas de traballo máis seguras, informadas e responsables.