O Instituto de Estudos Chairegos organiza unha nova ruta cultural con destino a Noia

O Instituto de Estudos Chairegos continúa co desenvolvemento do seu programa de actividades para o ano 2025 e vén de anunciar a XIII edición da Ruta Por Galicia adiante – Andando as Terras de…, que nesta ocasión terá como destino a vila de Noia.
A saída está prevista para o domingo 21 de setembro, ás nove da mañá, desde as inmediacións da Casa da Cultura de Vilalba. Ao longo da xornada, as persoas participantes poderán coñecer algúns dos principais espazos e puntos de interese do municipio noiés. A visita contará coa guía de Ana Isabel Filgueiras, antropóloga e arqueóloga vinculada á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia, que achegará explicacións sobre a riqueza patrimonial e cultural da vila.
A actividade inclúe tamén un xantar no restaurante O Trapeiro, situado no lugar de Merelle, onde se ofrecerá un menú baseado en produtos tradicionais galegos. Pola tarde continuará o percorrido cultural, e ao rematar as visitas está previsto o regreso a Vilalba.
O prezo da inscrición, que cobre tanto a viaxe en autobús como a comida, establécese en 30 euros para as persoas socias do Instituto e en 35 euros para aquelas que non o son. O prazo para apuntarse remata o mércores 17 de setembro e poderá facerse a través do correo electrónico da entidade, mediante chamada telefónica ou en contacto directo con calquera membro da Xunta Directiva. Desde a organización recoméndase ademais indicar calquera circunstancia persoal que deba terse en conta para o desenvolvemento da actividade.
Con esta iniciativa, o Iescha mantén a súa aposta por divulgar o patrimonio cultural e histórico de Galicia, favorecendo o coñecemento directo do territorio e a convivencia entre a veciñanza chairega.