O Instituto de Estudos Chairegos presenta en Vilalba o libro 'A fraga dos teixos', de Xosé Salvadores

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración con Tempo Galiza Editora, organiza o venres 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro A fraga dos teixos. Uns ferrados de paixón pola natureza, da autoría de Xosé Salvadores, escritor, ecoloxista e presidente da Fundación Eira.
O acto contará tamén coa participación de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e Chema Felpeto, membro da Xunta Directiva da entidade, que acompañarán ao autor nunha conversa sobre o contido da obra e a súa fonda ligazón coa defensa do medio ambiente.
A fraga dos teixos é unha crónica persoal e apaixonada dun ano de traballo de Salvadores na restauración da biodiversidade nun monte inzado de eucaliptos, convertendo 14 ferrados nun proxecto vivo de recuperación natural. O libro funciona ao tempo como caderno de campo, guía de fauna e flora galega e reflexión ecolóxica, mais tamén como un convite á acción colectiva e institucional pola protección da natureza.
O autor confesa nas súas páxinas que a súa motivación é “deixar vida e biodiversidade en herdanza”, pois, segundo escribe, “deixar cartos para os herdeiros é unha vulgaridade; eu pretendo deixar un bosque de teixos, saúde e tempo para o planeta”.
Xosé Salvadores, natural de Lugo, é enxeñeiro técnico agrícola e exerceu como profesor de debuxo no ensino medio. Participou activamente no movemento ecoloxista galego desde os anos 90, vinculado a Adega e ao colectivo Nunca Máis. Colaborador habitual de Radio Cerna e da revista Cerna, impulsa desde a Fundación Eira proxectos comprometidos coa cultura e o medio natural de Galicia, entre eles o espazo Eira da Xoana, símbolo da súa aposta pola sustentabilidade e o activismo ambiental.