O investigador Alberto García Basteiro será o pregoeiro das festas de Vilalba
Como todos os anos, o Concello de Vilalba escolleu ao pregoeiro ou mantedor das festas, que é o encargado de liderar o acto central da celebración de entrega do Premio literario e da convocatoria do novo. Este acto terá lugar o venres 30 sobre as 20.00 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez, amenizado pola Banda de Música de Vilalba.
Alberto García Basteiro é o coordinador da área de investigación en tuberculose no Centro de Investigaçao em Saúde de Manhiça (CSIM), en Mozambique e profesor asistente de investigación no Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal).
Estudou no CEIP Manuel Mato Vizoso, cursando ata 3º de BUP no IES Basanta Silva. Realizou o Bacharelato Internacional nos Estados Unidos cunha beca da Fundación Barrié de la Maza para estudar en Colegios del Mundo Unido. Ademais, tamén cursou estudos de música, en concreto piano, no conservatorio de Vilalba ao longo de 8 anos.
Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou a especialidade de medicina preventiva e saúde pública no Hospital Clínic de Barcelona (premio fin de residencia Emili Letang) e un mestrado en Epidemioloxía na London School of Hygiene and Tropical Medicine, no Reino Unido. Completou os seus estudos de doutorado no Amsterdam Institute for Global Health and Development en Holanda, a través do programa Transglobal Health Solutions, nanciado pola Unión Europea. Desde xuño de 2012 está vinculado á ISGlobal, exercendo como profesor de epidemioloxía no Mestrado de Saúde Global da Universidade de Barcelona.
Participou en diferentes proxectos de investigación en enfermidades relacionadas coa pobreza en Centroamérica e África principalmente. Na actualidade coordina varios estudos de epidemioloxía, avaliacións de novas ferramentas diagnósticas e ensaios clínicos de fármacos na área de tuberculose do CSIM. O seu interese cientí co céntrase na avaliación da carga da enfermidade en Mozambique, en ensaios de novos diagnósticos e tratamentos e na caracterización da tuberculose a nivel clínico, microbiolóxico e social. Como resultado do seu intenso traballo cientí co, publicou máis de 100 artigos en prestixiosas revistas internacionais e ten recibido varios premios e recoñecementos, como a Lección Joven concedido pola Sociedade Española de Neumología y Cirujía Torácica, o premio Enrique Nájera para persoas mozas epidemiólogas, concedido pola Asociación Española de Epidemiología ou o Young Investigator Prize, da Unión Internacional contra a Tuberculose e Enfermidades Respiratorias ao mellor investigador xove en tuberculose.